Seráns, ruadas, rúas...
Cando non existían discotecas nin medios de transporte, a xente das aldeas galegas adoitaba reunirse nos tempos de lecer para cantar, bailar, contar contos, en fin, divertirse. Divertíanse xuntos vellos, rapazada e cativos, cos mesmos bailes e as mesmas risas .
Estas xuntanza espontáneas facíanse en inverno, cando os días eran curtos e o frío non permitía outras actividades, habitualmente nalgún local comunitario, e recibían nomes diferentes en cada zona (ruadas, rúas, seráns…).
Chegaron logo os coches, os cines, as discotecas, outras posibilidades de diversión para a xente nova; xa non lles interesaba compartir o seu tempo cos maiores, e nuns anos estas xuntanzas desapareceron. E sen elas, rompeuse a cadea transmisora da tradición: a xente nova deixou de aprender contos, deixou de aprender bailes, deixou de aprender músicas, deixou de falar galego…
Hai uns anos, a rapazada interesada nas nosas músicas e bailes, comezou a recuperar estas xuntanzas, pero xa de forma organizada, de tal xeito que moitas parroquias, unha vez ao ano, celebran o seu serán. Algúns deles, coma o de Toutón, son multitudinarios, e contan con actuacións programadas. Outros, coma o de Arbo, aínda que organizados, manteñen a espontaneidade, e quen quere cantar, canta, quen quere tocar, toca, e todos e todas bailan. Noutros lugares, coma Barro de Arén, en Cerdedo, os emigrantes retornados recuperaron o costume de xuntárense cada fin de semana, e volven gozar xuntos coma cando eran novos.
Os vellos, que aínda lembran as súas tardiñas festeiras, bailan e cantan felices de teren a quen transmitirlle o que eles aprenderan. Lembran con esforzo e ilusión as cantigas e os puntos que ficaran inútiles durante tanto tempo. Certo é que a rapazada que asiste a estas xuntanzas na maioría dos casos non pertence ao propio lugar, senón que son persoas moi achegadas á cultura galega, que cada fin de semana van a un serán diferente para teren a oportunidade de cantar e bailar, e rexeitan as formas de diversión modernas a prol das tradicionais.
Os seráns proliferan nestes días de frío polo sur de Galiza, e non hai nada tan fermoso coma ver de novo vellos, rapazada e cativos, bailando e cantando xuntos.
A cultura galega, polos pelos, vaise salvando.
Sem comentários:
Enviar um comentário