15 de agosto de 2008

Cultura galega: Fiar na tradición

Fonte: http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=3939



FIAR NA TRADICIÓN

A recuperación e difusión do folclore mobiliza por todo o país os membros da asociación O Fiadeiro de Vigo
Santiago. Redacción
21 / 1 / 2004

Os cantos e bailes tradicionais non son algo exclusivo do rural. Desde unha metrópole coma Vigo, a asociación cultural O Fiadeiro leva xa trece anos demostrando que é posíbel non só recuperar a nosa tradición musical, senón tamén difundila, e cun notábel éxito, no contorno urbano galego. Unha xornada de portas abertas achegou o seu traballo aos interesados durante a última fin de semana, e en poucos meses verá a luz a sexta edición da gala "Esta noite hai unha fía".
Un grupo de afeccionados ao folclore e á cultura tradicional reuníanse en Vigo en 1991 para formar un grupo de recollida de pezas de canto e de baile tradicional. O proxecto foi medrando, atraendo máis xente e estabilizándose, mais aínda habería que agardar até 1995 para que se inscribise legalmente a Asociación Cultural "O Fiadeiro". Nove anos despois este colectivo é un dos máis importantes de Galicia no traballo de recompilación e de difusión do noso folclore, atendendo a aspectos a miúdo esquecidos coma o contexto no que nacen e se interpretan as pezas, a roupa con que se executan ou a historia de vida das persoas que lle contan.

Viaxes e cancións
Aínda que existen arredor de douscentos socios vencellados ao colectivo, o número de participantes habituais nos grupos de canto e de baile e nas actividades de recollida rolda os sesenta e cinco, na súa maioría vigueses mais tamén xente de Pontevedra ou do Morrazo que se achegan á cidade para participar nas actividades do Fiadeiro. A principal destas actividades é a recollida de folclore. Cada fin de semana, ou en ocasións entre semana, grupos deste colectivo parten cara algún recanto de Galicia á caza de novas pezas de musica e de danza. "Normalmente imos en grupos reducidos de dúas ou de tres persoas", sinala Raquel Barredo, secretaria da asociación, "esta fin de semana, por exemplo é unha excepción. Imos a unha foliada que fan semanalmente uns veciños de Ribeiras de Lea, en Lugo, e levamos os mais pequenos do grupo, para que vaian vendo como é unha recollida".

A caza da peza
Aínda que o proceso continúa a se basear sobre todo en falar coa xente, as recollidas no 2004 contan co apoio das últimas tecnoloxías. Alén de tirar fotos e de identificar polo miúdo a xente que achega información, "sacamos gravacións en audio dixital, en vídeo e tamén levamos un computador portátil cun escáner para copiar fotografías que nos amosen como vestían", apunta Raquel. A intención do Fiadeiro é ser o máis fieis posíbel a como se vestía en cada época do ano nas diferentes zonas do país e reproducir iso nas interpretacións que fai o colectivo. Para isto contan a miúdo coa colaboración dos informantes, que mesmo lles chegan a ceder ou a prestar roupa antiga para que poidan coñecela e reproducila o máis exactamente posíbel. Os participantes na recollida tentan recompilar o máximo de información posíbel. "As nosas entrevistas van desde como aprenderon o baile os informantes a ver os traballos que desenvolveron ou a calidade de vida que levaron", sinala Raquel, "todo iso inflúe no baile, non era o mesmo a xente do campo que a xente que xa tiña un certo nivel de vida".

Cartos para a canción
Durante moitos anos eran os propios participantes nas recolleitas os que achegaban o material necesario para a actividade, pagando do seu peto desprazamentos, cintas, películas, gravadoras e cámaras. Nos últimos anos a asociación consegue apoiar economicamente estes traballos e está a tentar cubrir gastos de gasolina e consumíbeis. "O ano pasado recibimos os primeiros subsidios desde o Concello e desde a Deputación, antes nunca recibiramos axudas públicas", sinala Raquel. Os tres euros ao mes que paga cada socio, o apoio de comercios da zona, que se inscriben coma socios colaboradores a cambio de ser publicitados en todos os actos do Fiadeiro, os cartos que se ingresan por impartir cursos e, sobre todo, o que cobran os grupos de canto e de baile do colectivo continúan a ser as principais fontes de ingresos para a asociación.

Esta noite hai unha fía
Alén de recoller, desde O Fiadeiro preocúpanse de difundir o legado folclórico galego. Para isto, imparten desde hai varios anos cursos de percusión tradicional e gaita e crearon escolas de baile, pandeireta e canto tradicional tanto para nenos coma para adultos. Tamén contan con grupos propios que executan diferentes pezas tradicionais por toda Galicia. Sen embargo, a súa actividade máis coñecida é a gala "Esta noite hai unha fía". Este evento amosa cada dous anos unha selección do traballo de recollida que se desenvolveu nese período, achegando ao grande público antigos xeitos de baile e de canto case esquecidas. Deste xeito na última gala, celebrada no 2002, amosáronse cantos de canteiros, de arrieiros, xotas ou pasodobres. Unha das peculiaridades da gala é que onda os membros da asociación moitas das pezas son interpretadas polas mesmas persoas que llas deron a coñecer ao colectivo. Deste xeito, veciños de lugares coma Sísamo, Limares, Toutón ou Murias de Rao subiron ao escenario en Vigo para interpretar pezas que só lembraban nas súas aldeas.

Comunicando
Conscientes da necesidade de difundir ao máximo o folclore tradicional para evitar que se perda, desde O Fiadeiro coidan especialmente a comunicación. Unha coidada web amosa as diferentes actividades da asociación, a súa historia e o programa dos diferentes eventos programados e a través dela puideron seguirse as diferentes actividades desenvolvidas na última gala. Tamén con ocasión deste evento a asociación publicou a revista "Esta noite hai unha fía", dedicada unicamente á etnografía desde a perspectiva musical, e que incluía artigos, pezas, partituras ou entrevistas con algúns informantes. Finalmente os membros do fiadeiro organizan cada ano unhas xornadas de portas abertas no local da asociación, dando a coñecer a colección de traxes e de documentos que atesoura o colectivo e impartindo gratuitamente cursos de iniciación a diferentes instrumentos tradicionais.

Futuro inmediato
Para este ano está prevista a edición dun segundo número de "Esta noite hai unha fía", alén de celebrar a sexta edición gala o vindeiro tres de abril no Centro Cultural Caixanova. Entre os proxectos que ten en marcha a asociación está a renovación completa da súa web "a nosa intención é crear algo así coma un portal etnográfico", sinala Raquel, e procesar e dixitalizar o amplo arquivo da asociación. Para alén diso, continuarán co intenso traballo de recollida que desenvolven por toda Galicia. "Hai moitos sitios onde ir" recoñece Raquel, “pero cada vez é máis difícil porque os vellos van morrendo e queda menos xente que se acorde, e chegará un momento en que só nos quede o material que se vai recollendo deste xeito".

Sem comentários: