14 de agosto de 2008

A gaita do fol: Serán en Arbo

Fonte: http://www.agaitadofol.com/Acontecimentos/SeranArbo.php


Serán en Arbo

As sociedades sempre contan cunha serie de pautas de tipo social. Entre elas, as reunións con carácter de esparcimento nas que se pode falar, bromear, cantar, bailar, entablar relación, son tal vez as máis apetecibles, as máis esperadas sobre todo por parte da xuventude, sensible ás vibracións amorosas. Como a música ocupa un lugar primordial son, ademáis, moi interesantes para calquera estudio do folclore musical.

Na actualidade ese papel o cumplen, con diferentes matices, as discotecas que cada fin de semana abren as súas portas pero, tempo atrás, facíanse outro tipo de reunións que en cada zona acadaban características e denominacións diferentes. Así, a modo de exemplo (lembremos os matices, as excepcións, a diversidade), na provincia de Pontevedra se daban os seráns, na de Ourense as ruadas, na de Lugo as polavilas. Todas elas consistían en que en determinados días da semana máis ou menos establecidos, normalmente sábado ou domingo, se reunían os xóvenes, e non tan xóvenes, para bailar e pasa-la tarde xuntos.

A denominación serán ten unha etimoloxía latina relacionada coas primeiras horas da noite polo que está clara a relación. Aínda que está en deshuso, no galego propio serán é tarde, palabra castelá de significado semellante que finalmente a sustitúe.

Ocurría tamén que había outras reunións que tiñan un carácter máis de labor, de traballo, pero nas que casi sempre se remataba bailando. Tal era o caso das fiadas ou fiadeiros, as esfolladas e calquera outra que se realizaba nunha estancia que ó final se convertía en baile.

Anque vou ó fiandeiro
non vou por fiar na roca,
vou por toca-lo pandeiro
que esta noite a min me toca.

Debido a puxanza que ten nestes derradeiros anos a recolleita musical, estanse remedando aquel tipo de reunións de música e baile que se daban no rural. Concretamente na provincia de Pontevedra, moi nutrida en canto a xóvenes bailadores de inspiración tradicional, xa hai anos que se realizan seráns. Os de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mondariz, Ponteareas, etc., xa teñen unha certa fama. Intentaremos trasmitir cómo foi o de Arbo que tivo lugar o pasado sábado 29 de xaneiro, organizado pola Asociación Cultural A Barca de Loimil.

Igual que o ano anterior, esta segunda edición do Serán de Arbo estaba anunciada para ás 10.30 da noite no garaxe do cuartel da Garda Civil, cousa curiosa polo inhabitual e de agradecer ós responsables do corpo en Arbo polo labor social desinteresado. Pero unhas horas antes, ás 6.00, estaba convocado un minicurso de baile no bar restaurante Os Pirus, coa intención de que os non iniciados tiveran unhas nocións básicas para non pernaneceren pasivos ante os bailes.

Este minicurso foi impartido por Bea (Beatriz Diaz) que se formou no prestixioso conxunto vigués "O fiadeiro" e que, con profesionalidade, fixo que aprenderamos uns pasos básicos de muiñeira, jota, pasodoble e valse, moi interesantes e divertidos. Entre os asistentes ó curso atopamos varios amigos de Vigo e tamén xente maior do propio Arbo que quixeron, tal vez, quitarse a espiña de non ter aprendido de novos. Dixemos "xente maior" pero debiamos dicir "mulleres maiores" posto que os respectivos homes estiveron contemplando o minicurso dende fóra como si dunha función se tratara. Enfín, máis que unha críica quere ser un desexo de que na vindeira ocasión participen. Ó remate fíxose entrega dun simpático diplóma a cada asistente e despois pasouse ós pinchos, que cairon moi ben a esa hora.

Por fin comezou o serán e o plato forte eran as pandereteiras de Arbo, un conxunto formado por señoras do concello que dominan o canto e a pandeireta. Lembremos que en Arbo, como en toda a comarca do Condado, os seráns tiñan unha implantación moi grande polo que se coñecen ben os xéneros propios de bailar. Algún día eran numerosas as mulleres que podían tocar e cantar aínda que, desafortunadamente, xa van escaseando e o grupo formado por Emérita (a muller máis baixiña), o seu irmán Emilio, Isaura (a maís alta), Concha e o resto do grupo é unha representación desta xente atemporada que viviu os seráns na zona. O grupo, de tocar en sitios así, vai asentandose e xa teñen tocado en diversos seráns da provincia e mesmo en Vigo.

Como é normal neste tipo de seráns, ó final toca todo o que se decide subir ó escenario, cousa que tamén nós fixemos por petición dos apreciadores amigos que temos en Arbo. Estaba por alí Toniño de Treixadura quen tocou o tambor e Ismael, un antigo alumno, que tocou o bombo. Tocar é unha das consignas que se dan co anuncio do serán para que a xente acuda provista de instrumento e se vaia afacendo á idea de subir.

Varios máis foron os grupos improvisados que tocaron entre os que estaban o que encabezaba o gaiteiro e palleteiro Carlos Peixoto (ex-Muxicas) que subiu tocar con Coral Lago (ex-Cantadeiras do Berbés) ó alcordeón, Toniño e Ismael á percusión. Lástima que non poideramos quedar ata ó final por varias obligacións pero seguramente na vindeira edición si o faremos.

Xuntáronse no local aquel unhas duascentas persoas en total que formaban un ambiente moi agradable, no que abundaban os que bailaban coas diferentes interpretacións, tanto solto como agarrado. Había a disposición do público un pequeno bar onde se podían tomar cousas como cafés e cervezas e unha serie de escanos xunto ás paredes para os que gustan máis de mirar, cousa clásica ésta.

O que non canta nin baila
¿qué veu facer ó serán-e?,
aprender catro mentiras
para contar de mañán-e

Por alí estaba a coñecida Concha de Luneda, unha muller xa afeita a desempeña-lo papel de fiadora que, entre outras cousas, é famosa polas aparicións no Luar da Televisión de Galicia, nalgunha das galas que fai anualmente o conxunto "O Fiadeiro", etc. Xa a viramos no grupo de pandereteiras de máis arriba. Concha Rodriguez, chamada "de Luneda" por ter vivido nese lugar do concello de A Cañiza, resulta ser natural de Arbo, concretamente do Pazo, e como tamén moitas mulleres do seu tempo, ademáis de cantar, ten unha especial destreza fiando cousa que fai con agrado alá onde se lle pide. En efecto, alí no esceario estaba fiando coa roca, facendo ambiente de tempos pasados nos que era un labor cotidián.

Cousas relacionadas

A pandeireta

Juanjo Fernández Lugo, 14/2/05

Sem comentários: