15 de agosto de 2008

GZnacion: Os seráns na Nasa, ou a festa que non cesa

Fonte: http://www.gznacion.com/web/notic.php?ide=6664


Os seráns na Nasa, ou a festa que non cesa

[GZnación / Redacción / 12 Feb 08]

“Gaitas, pandeiretas e bailadores tomarán mañá o escenario da Sala Nasa coa forza que é habitual dende hai case cinco anos de forma continuada”. O local cultural e musical de Santiago de Compostela, a Sala Nasa, continúa co seu programa de seráns. A música tradicional chega da man de catro colectivos, Alboroque, Cantigas e Agarimos, Limagoia e OsCrótalos, que participarán na xuntanza o mércores 13 de febreiro ás 22 horas. O custo da entrada é de 2 €.

“Un intre que retoma aquelas xuntanzas que servían para rematar un día de festa entre coplas e puntos, e ao igual que hai moitos anos, todos os asistentes poden sumarse a tocar, cantar e bailar”. Segundo animan desde o local, “trocamos as eiras pola NASA, e sen limitacións de vestiario nin de técnica, corre á conta do público asistente o baile e a troula”.

Os Seráns da Nasa consisten na recuperación dunha tradición que procuraba o esparcemento despois dunha xornada de traballo, hábito que foi desaparecendo durante os anos sesenta. Estas foliadas regresaron pouco a pouco ás propostas de lecer, demostrando que non se trata dunha exhibición rancia, como se pode comprobar co éxito de convocatoria que teñen estes encontros.

Pasodobres, mazurcas, muiñeiras ou jotas son os ritmos que soarán neste Serán, nun ambiente urbano e moderno mais que non renega das tradicións, buscando o vencello cultural nunha sociedade cada vez máis individualizada.

“O que non canta nin baila,
que vén facer ó serán
aprender catro mentiras,
para ir contar mañán”.

Sem comentários: