12 de agosto de 2008

E logo que raio é un serán?

Pois serán é o nome que se lles dá nunha ampla zona do interior da provincia de Pontevedra (concellos de Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Mondariz, Pontecaldelas, Soutomaior...) ás festas participativas que organiza a xente das aldeas no tempo en que non hai verbenas por ningures, e que comezaban, claro, polo “serán”, á tardiña.. Poderiamos dicir que é un “circuito de inverno”, o mellor xeito de ir de festa a tocar, cantar e bailar cando non hai máis a onde ir. Por iso a festa fana os que van ao serán:

“A ruadiña vai boa, a ruada boa vai,
a ruadiña vai boa, a conta de quen a fai”.

E tampouco o fan de calquera xeito, existe unha organización tradicional ben clara e definida para os seráns, sobre todo no tocante ás pezas que leva un baile. En xeral nesta zona comézase a tocar polos solto: primeiro a jota, e logo á muiñeira (tamén chamada ribeirana), para pasar logo aos agarrados, xeralmente dous, a escoller en orde e tipo entre a danza (ou rumba, mazurca –por confusión-, tras-trás...), o pasodoble, o valse, ou o chiqui-chiqui (ou dous pasos, mazurca...). Deste xeito os bailadores xa sabían qué bailes tocaban, estipulándose moitas veces a obriga de botar coa mesma parella os catro. Desgraciadamente esta orde respéctaa cada vez menos xente –sobre todo a máis moza, seguramente por descoñecemento-, e é unha mágoa, porque son estas cousiñas as que lle dan ese valor do antergo á festa.

Tradicionalmente ao serán íase única e exclusivamente a tocar ou a bailar, porque digamos que estaba socialmente establecido así, era un moi bo xeito de relación dos mozos coas mozas, de xeito que todo aquel que ficara fóra deste ritual era dalgún xeito desprazado socialmente:

“O que non canta nin baila, que vén facer ó serán
aprender catro mentiras, para ir contar mañán”.

E aínda hoxe é o principal cometido deles. A maior parte da xente vai aos seráns a cantar, tocar e bailar, porque de feito para eso foron creados e ese é o seu principal cometido. Pero non vos preocupedes se aínda non sabedes botar un solto: os seráns son unha moi boa escola, un dos mellores sitios onde aprender de xeito “natural” como botar unha jota ou unha muiñeira, vendo a mestría de moitos dos máis veteranos e expertos bailadores de toda a zona.

Así que animádevos, e integrádevos nunha das festas máis ancestrais e arraigadas que aínda se conservan no noso país: O SERÁN!!.

Guillerme Ignacio Costa '04

Ghastaspista
Malmequer

Sem comentários: