15 de agosto de 2008

DUVI: Pandeireta e canto tradicional nun obradoiro de Extensión Universitaria

Fonte: http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=489&Itemid=7


Pandeireta e canto tradicional nun obradoiro de Extensión Universitaria

Romina Vázquez | Vigo
A cargo da A.C. Albendeira

Os toques de pandeireta e o canto tradicional galego son os eixos sobre os que xira o curso de Extensión Universitaria que estes días ofrece a Asociación Cultural Albendeira. María Prego, membro da agrupación e profesora do obradoiro sinala que “estamos a vivir un movemento de recuperación das tradicións dos nosos vellos, coa recompilación de cantigas e modos de utilizar a pandeireta. O obxectivo é que non se perda nada do noso folclore trala desaparición desa xeración”. Neste contexto trata de amosar aos alumnos letras de cancións e formas de tocar características de diversas zonas de Galicia para probar distintos ritmos.

Os toques de pandeireta e o canto tradicional galego son os eixos sobre os que xira o curso de Extensión Universitaria que estes días ofrece a Asociación Cultural Albendeira. María Prego, membro da agrupación e profesora do obradoiro sinala que “estamos a vivir un movemento de recuperación das tradicións dos nosos vellos, coa recompilación de cantigas e modos de utilizar a pandeireta. O obxectivo é que non se perda nada do noso folclore trala desaparición desa xeración”.
Neste contexto trata de amosar aos alumnos letras de cancións e formas de tocar características de diversas zonas de Galicia para probar os distintos ritmos posibles. “A duración do curso é de trinta horas, e realmente non dan para moito, xa que a pandeireta, como calquera outro instrumento, require tempo e dedicación”, tal como comenta a profesora.
As alumnas, pola súa banda, están satisfeitas co programa do curso e coinciden en afirmar que a motivación para acudir a estas clases é o “desexo de aprender a tocar un instrumento galego, posto que a maioría xa acudimos previamente a clases de baile tradicional”, segundo palabras de Rosa, unha das estudantes.

Broche de ouro: os seráns
Como complemento á parte didáctica, o programa do obradoiro prevé a proxección de vídeos e a visita a un serán o día que finalizan as clases. Trátase de ver en directo “unha festa das que facían antes os vellos”, segundo explica María Prego.
A tradición deste tipo de celebracións remóntase a séculos pasados, cando nas aldeas se facían múltiples traballos comunitarios. Ao remate da faena, os veciños adoitaban reunirse na casa dalgún deles para degustar produtos derivados do porco, tocar a pandeireta e danzar tanto con pezas para bailes soltos como agarrados, polo que as cuadrillas tiñan no repertorio muiñeiras, xotas, pasodobres, valses e mazurcos.

O folclore de Pazos de Borbén
“O concello de Pazos de Borbén pode presumir de ser a zona de Galicia onde máis vivo está o folclore” , tal como afirma a profesora do obradoiro, que engade que “se traballou tanto na súa recuperación que a día de hoxe seguen facendo seráns”. Aldeas como A Hermida ou Pazos fan quendas para a celebración destas festas nas que hai troula, canto, baile, comida en abundancia e “chocolate con rosca para recuperar enerxías”, segundo María Prego.

Sem comentários: