Os seráns
Lonxe da fría definición de serán tomada como unha reunión ou festa social para divertirse, xeralmente nocturna na que hai baile, música e comida, os seráns populares conforman unha tradición e un espacio onde a xente, procurando fuxir do traballo cotián do inverno, atopa na relación cos demais e no divertimento un dos poucos elementos de lecer que a vida no campo permite en época de chuvias e treboadas.
O aproveitamento do tempo incluso levou moitas veces a asocia-los seráns con traballos propios da época e así, en Arbo, como en outras moitas partes de Galicia, son sonadas as fiadas asociadas ós saraos.
En tódolos seráns galegos a música e o baile forman parte inseparable, mentres uns danzaríns xiraban en torno a uns puntos nun pendello ou nun cortello limpo para a ocasión outros membros da festa tocaban a pandeireta, as tarrañolas, o tambor ou, se había sorte, o pandeiro, a gaita ou o acordeón. Logo, con habilidade intercambiábanse os papeis e os que antes bailaran pasaban agora a tocar ou cantar de xeito que a parte musical estaba sempre asegurada. As zonas raianas con Portugal gozaron sempre da importante riqueza que dá a vecindade e a diversidade producto do río e da fronteira. En moitos seráns de Arbo foise buscar a Portugal os acordeonistas que, de fama recoñecida, viñan enriquece-la sona dos seráns arbenses. Con eles, e cruzando nalgunha das barcas que unían Arbo con Melgaço, viñan mozos e mozas que incrementaban o espírito festivo e lúdico dos seráns.
A gastronomía é outro elemento que forma parte dos seráns. Entre tanta cantiga e algunha copla de desafío facíase inevitable ‘molla-la palleta’. Nada mellor que o viño que nunca faltou nos seráns dunha terra rica en uvas de boa calidade. Recuperar forzas ou simplemente reporse do frío facía que en moitos seráns fose habitual a coza de castañas con chourizo e incluso algún houbo onde se preparou chocolate. A algúns seráns as mozas chegaban con doces: biscoitos, bicas, chulas de bóveda ou uvas e figos pasos.
Os seráns que estes últimos anos ven organizando a Asociación Cultural Barca de Loimil contan con todos estes elementos e ante un día de inverno do mes de febreiro consegue xuntarse á xente de Arbo e Melgaço en torno a música, os contacontos, o baile, o chourizo, o viño, as castañas e o chocolate. O espacio é decorado con elementos propios das festas nocturnas populares en Galicia. Faroliños, medas de palla, cocos, bóvedas, mimosas cubren o recinto do garaxe do cuartel da Guardia Civil onde a Asociación organiza estes actos.
Sem comentários:
Enviar um comentário