Fonte:
http://www.agaitadofol.com/Acontecimentos/Polavila.phpPolavila en Louxas
Foi unha pequena xuntanza de gaiteiros da zona en público. Non é a primeira que a facemos por alí; témola feito xa na cantina de Arturo, no mesmo Louxas, e nos lugares veciños de Chao do Couso e Tumbiadoira. Sempre con bon ambiente de xente, baile e moita gaita.
Louxas, en realidade Louxas de Arriba, é un lugar moi novo que naceu a finais dos ´40. O espacio que ocupa o pueblo é un cruce de camiños, hoxe estradas, onde a principal é a que vai dende A Fonsagrada á Proba de Navia. Mirando cara a Navia, pola dereita sae a comarcal chamada Louxas-Cereixal que enlaza coa Nacional VI (autovía) e, pola esquerda a que vai a Valdeferreiros que comunica con toda a zona de Ibias, Negueira de Muñiz, surleste de A Fonsagrada e norleste de Navia de Suarna.
Louxas é un chao que algún día se coñecía coma a Campa da Barraca. Segundo contan, unha muller que frecuentaba os pueblos da zona vendendo cousas coma galletiñas, melindres e auga con azucre, poñía as veces a súa barraca alí, no cruce dos camiños. A finais dos anos ´40 fixeron a cantina de Teodoro, logo outra cantina que houbo enfrente e, despois, máis casas ata configura-lo lugar actual. O verdadeiro Louxas (Louxas de Abaixo) está a un kilómetro e pico dalí, un pouco apartado da estrada.
Empezámonos xuntar a eso das oito, como estaba previsto, aínda que non tocamos ata as nove e pico. Unha vez metidos en festa xa non paramos ata pasadas as 2.30 h., cando marchámo-los tres que quedabamos. Estivo moi divertido e interesante aínda que houbo pouco público. Había varias razóns que favoreceron a ausencia coma un enterro en Lamas de Moreira (A Fonsagrada), outro en Villarantón (Navia de Suarna) e Festas en A Fonsagrada, capitalidade do concello. Despois todos recoñecimos que para nós foi mellor así, disfrutamos máis que outras veces nas que ten estado atacado de xente. Aínda así, Estrella, a dona da cantina, quedou complacida.
Os músicos asistentes eran todos ilustres. José Marentes, a estas alturas moi coñecido en toda Galicia, é de Santa Juliana, un pueblo que pertence á parroquia de Cereixido, constituíndo con outros dalí unha “hijuela”, de maneira que enterran no propio pueblo. José é un experimentado gaiteiro de 71 anos, moi coñecido na zona por ter tocado en infinidade de festas, polavilas e bailes. Con afición dende neno, coñeceu a grandes gaiteiros entre os que el destaca a Pepín de Vilar da Cuíña (A Fonsagrada), actualmente emigrado a Buenos Aires, de quen tomou unha boa parte do seu estilo e repertorio. Debido ó seu oficio de gaiteiro (para el e para moitos outros, toca-la gaita chegou ser un complemento importante dos seus ingresos) está afeito ás pezas de moda dos anos ´50, ´60 e ´70 polo que toca cousas coma “Esperanza”, abundantes pasodobles, coma este que el titula “Sáinz de Baranda”, e rumbas. Por suposto tamén tocou muiñeiras e jotas. Escapóuselle “A miña burriña” e arrancamos todos a cantar.
Hai varios detalles característicos do tocar de Marentes, aparte do requinteo e o pechado que ten. Un é que, o picado que os gaiteiros facemos normalmente co dedo índice da man esquerda (a dereita para el que é esquerdo), faino ó tempo co indice e o pulgar. Esto ten unha explicación pois o DO agudo, no estilo dalí, faise sen estes dous dedos; é unha base que debeu inducir a picar desa maneira a gaiteiros da zona, dende hai xeneracións. Con este tipo de picado, a baixa presión do brazo, acada pequenos silencios de punteiro moi expresivos. Por suposto, tamén o facía así Pepín de Vilar de Cuíña. Outro detalle interesante de Marentes é que semiobtura certos furados na busca de bemois coma o de MI e o de LA. Todo ésto sitúa a Marentes, en efecto, na época de transición, entre o antigo e o moderno, dos anos ´50-´60, cando os gaiteiros de oficio tiñan a necesidade de facer recoñecibles as súas pezas de moda e imprimirlle-lo mesmo carácter. Marentes, está a piques de ver publicado no mercado un CD interpretado por el; edita Edicións do Cumio, baixo a dirección de Pablo Carpintero (unha serie de discos que incluirá tamén a Cesar de Montixo e Manuel Viqueira). A día de hoxe, na actualización do texto, xa está publicado o disco de José Marentes que titula precisamente José Marentes e pertence á colección Os nosos gaiteiros, edita Cumio.
Outro dos gaiteiros que asistiron foi José, da casa de Gregorio de A Lagúa, Valdeferreiros (Ibias, Asturias). Estamos moi perto da raia e a afinidade entre un e outro lado é casi total en canto á lingua e as tradicións se refiere. José tamén tocou en moitas festas e polavilas da zona e, como xa anunciaramos falando del na sección da trompa, é un informante excepcional pois ten unha memoria moi boa e coñeceu a moitos músicos da súa zona de acción, entre os que destaca o mítico “Gaiteiro de Andeu”. José ten un estilo moi peculiar tamén, con silencios de punteiro que provoca nos picados a baixa presión, e un pechado moi interesante. Tocou as súas pezas típicas entre as que están muiñeiras, jotas, pasodobles, rumbas e valses. Nun momento determinado pedímoslle que interpretara a “Mula de Valdeferreiros”, unha graciosa melodía cuia letra fora feita por Sotín de Villaselande, en resposta a outra que lle fixeron a el os de Valdeferreiros. Ambas letras teñen o clásico argumento de reparto dunha besta (mula, burro, etc.) que tanto se estila na zona. É dicir, de morto o animal repártese entre os veciños en tono de burla que, as veces, resulta moi ofensivo para os mencionados.
A mula de Valdeferreiros
A mula que tiña Soto
foi pra os de Valdeferreiros,
foron buscala á Retorta
os grandísimos larpeiros.
Saliu Redonda cos bois,
José de Guerra cas vacas
e dixeron: - vamos todos,
que esto non son unhas chanzas.
Dixo José de Louzao:
- máis vale que non sea nada
que si ides busca-la mula
aínda habeis ter que pagala.
Eles non fixeron caso
e acordaron ir por ela
e levaron bois e vacas
pre logo poder traela.
Chamaron ó celador
chamaron tamén ó alcalde
pra que repartise a mula:
todos a partes iguales.
Xuntáronse entre unhos cuantos
e marcharon pra a Retorta
e indo polo camiño
ó carro déulle-la volta.
Logo de moito traballo
lograron volve-lo carro
e antes de chegar ó pueblo
xa os ´taban esperando.
Tiñan moi pouca vergüenza
e ´taban ben difamados
que sacaron de navallas
e máis déronse de palos.
Cansados de discutir
acordaron reparti-la
todos querían a piel
pre presumir de gabardina.
Foi un acuerdo de todos
dárllela a José de Lencias
foi o que máis traballou
para axudarlles a traela.
Empezaremos no pueblo
algüis han se-los primeiros
quitarémoslle a bandouga
e darémoslla ós gaiteiros.
Ese Pedro de Viguín
é un home moi formal,
púxose a reparti-la mula
dando a todos por igual.
A ese Joseín de Guerra,
como encargado da orquesta,
se ha de toca-la guitarra.
tamén precisa a cabeza.
Ese Farruco do Viguín,
zapateiro quere ser,
do rabo que faga liñas
para que aprenda a coser.
Aínda Plácido decía:
- hai que dar algo ós dos Coutos;
e contestóulle Redonda:
- ben a comemos nosoutros.
A Camilín de Perdigueira
deixarémoslle o que queda
porque algún dos veciños
lle ha de axudar a comela.
E na ponte da Retorta
hai unha pena moi grande
onde mataron á mula
Soto de Villaselande.
O que ordenou esta canción,
un home de educación,
que lle roubaron a mula
e non di máis que a razón.
O que imprimiu esta copla,
mozos de Valdeferreiros,
acaso perdonareis
se é que algo vos ofendemos.
Outro dos gaiteiros foi Ovidio Fernández, de Cartea, Os Baos (Ribeira de Piquín, Lugo). Ovidio, de 70 anos, vive actualmente en Burela polo que foi un esforzo considerable para el asistir. Aproveitamo-la afición que ten polas xuntanzas de gaita para pedírllelo. Ovidio ten un estilo moito máis moderno pois a súa formación como gaiteiro estivo parada durante anos, retomándoa no Centro Galego de Bilbao, onde estivo emigrado moitos anos. Por tanto, conserva pouco do pechado e os recursos da súa zona, na que hai gaiteiros da talla de Paulino de Acebedo e Emilio Fernández de Vilares. As pezas que toca están influenciadas pola discografía e o repertorio dos grupos de gaitas modernos coma esta muiñeira e este pasodoble. Aínda que Cartea pertence a Ribeira de Piquín na actualidade, cando Ovidio naceu era de A Fonsagrada, polo que se lle pode considerar fonsagradino. Como pasou con outros casos, na década dos anos ´50 fixeron unha votación na parroquia para cambiarse a Ribeira de Piquín, debido á enorme distancia que lles separaba da capitalidade do concello e as deficientes comunicacións que había daquela. A Fonsagrada ten sufrido unha serie de segregacións ó longo do século XX as máis importantes son as das parroquias de Os Baos e Santiago de Acebo, hoxe de Ribeira de Piquín, e as catro parroquias que actualmente forman o concello de Negueira de Muñiz.
Outro entrañable gaiteiro foi Otilio Fernández, da casa de Fernandín de A Burela, Carballido (A Fonsagrada, Lugo). Otilio, tamén de 70 anos, foi sempre un namorado da gaita aínda que nunca destacou debido a problemas de medida. O que si realiza é un toque moi galego, con pechado e articulacións antigas, coas que acada un sabor moi propio e sentimental. De entre as pezas que tocou destacaremos esta mazurca, que pertenceu ó repertorio de Celestino, da casa de Ramoneta de Vilar de Calvos, Carballido (A Fonsagrada, Lugo), un gaiteiro desaparecido nos anos 50 que era moi célebre e estimado na parroquia.
Tamén apareceu Isidro Méndez, “O Ferreiro de Louxas". Isidro naceu en Aldobrén, Lamas de Moreira (A Fonsagrada, Lugo) e casou en Louxas. Isidro, de 62 anos, é un ferreiro moi coñecido na zona. As súas navallas levan a marca “I”, que se ve nos coitelos de moitas cociñas do entorno e nas navallas que moitos homes levan nos seus bolsos. Isidro toca a gaita pero é a súa condición de tocador de filarmónica a que lle fai aparecer no artigo adicado a ese instrumento. Tocou varias cousas que xa están nese artigo e a Muiñeira de Chantada, unha das súas preferidas. Como se ve nas fotos chegou moi cómico, alegrando a velada cunha “discreta” chapela rubia.
A nota exótica púxoa Diego Segura, un rapaz de Ponferrada que toca a gaita, a flauta de tres furados e o tambor e que bailou moitos anos no grupo ponferradino Alegría Berciana. Tamén é un artesán de tambores bercianos. É un gran entusiasta da gaita e a música tradicional e, sempre que pode, achégase ás polavilas que facemos na zona. Tocou coa gaita varias muiñeiras, jotas e, como non, cousas coa flauta e o tambor coma estas outras jota, este pasacalles e esta cántiga, que resulta ser unha versión da nosa “Palmeira”.
Pola nosa parte tocamos varias cousas que máis adiante poñeremos tamén aquí.
Juanjo Fernández Lugo, 11/8/03