29 de outubro de 2008

Os seráns no Alalá da TVG

Xa case estamos de volta e farémolo en Novembro deste ano. O equipo do programa agradecémo-lo voso apoio e fidelidade a Alalá que nos fixeron líderes a audiencia as tres últimas tempadas.

Tamén queremos recordámosvos que estamos dispostos a escoitar as vosas suxerencias sobre aquelas figuras ou agrupacións que consideredes que merecen un recoñecemento público pola súa laboura ou traxectoria na música tradicional.

O horario de emisión para a cuarta tempada será os LUNS ÁS 21:40 e comezarémos como non podía ser doutra forma de festa:

o primeiro capítulo da nova tempada tratará sobre OS SERÁNS, así que si vos queredes emocionar, rir e saber algo máis sobre a nosa cultura xa sabedes!!

Unha aperta de todo o equipo do programa!

www.blogs.crtvg.es/alala


Ver o programa

(Tamén se pode ver aquí)

12 de outubro de 2008

Contestacións

Algunhas das contestacións á pregunta Por que se volven facer seráns hoxe en día?:

________________________________________


Creo que vários aspectos, pontos e elementos fixerom rexurdir os seráns entre eles o interese do mundo urbano polo mundo rural, concretamente o interesse dos rapaces/as criados nas cidades pertencentes a uma agrupaçom folclórica. Estes jovens precissavam beber das fontes rurais, precissavam dum repertório de musica popular rural e da interpretaçom dos seus instrumentos.Para eles ese repertório "determinado" que evocava a uma época tambem "determinada" chegou a ser fidedigno, auténtico e próprio. Uma maneira de ser petits antropólogos donde o "exótico" está á beira da tua casa e nom com os mapuches. Mesmo a gente do rural converteu-se uma vez mais em divulgadores e os xovens em receptores duma cultura seguindo as leises básicas da tradicçom oral. Cantavam e tocavam juntos para expresar os seus sentimentos e entre muitos houbo um feek-back para expresar os seus pensamentos. Lembremos que alguns dos chamados recolhedores, só querem o material musical nas melhores condiçons de grabaçom e qualidade interpretativa.

Ademais na Galiza hà um grande potencial folclórico, a sociedade tradiccional mantem-se mais ou menos viva e grazas a muitas asociaçons, instituiçons, projectos pessoais hà existéncia conscente dum patrimonio inmaterial.

A gente jubilada das aldeias do interior voltarom a fazer serans pois tenhem tempo para eles, é uma forma intergeracional de relacionar-se, uma lembranza do passado e para muitos um ejercício de creaçom pois estám inventando novas coplas, novos arranjos e melodias... uma reelaboraçom comunal natural. Um modelo, um ritmo, uma melodia acordada culturalmente, uma cançom cantanda em coleitivo é uma forma de emoçom compartilhada com sensaçons emocionais muito semelhantes.Um trance coleitivo. Um lugar para esquecer-se de todo,sonhar e divertir-se.

Os medios de comunicaçom , como é lógico tenhem muita importáncia na expansom deste folclorismo.

Nalgumas vilas galegas o concepto seram nom tá presente e voltam aos famosos bailes de antes da guerra, donde com gramolas- orquestras dançam os ritmos de moda.

Ugia Pedreira

________________________________________


Creo que se deben facer como unha alternativa de ocio na que se poden xuntar varias xerazóns e así, aproveitando esta coiuntura se ensina a nosa cultura e a nosa música a xente profana na materia.

Marcos Rouco.

________________________________________


Porque somos así, afortunadamente gregarios e individualistas ó tempo; porque nos gusta cantar xuntos, pero desafiar ás demáis voces, bailar en grupo, pero retando ós demais bailadores e bailadoras, suar ó ritmo de sons que saen das nosas veas, das ponlas dos carballos, do marmurio de rios e fervenzas.

Volven os seráns porque parece que por fin mudamos o complexo de ser galegos polo pulo de selo; volven os seráns porque xa abonda de globalización co que vestimos, o que comemos, o que bebemos, a música que escoitamos, o cine que vemos, a literatura que lemos, o urbanismo que muda as nosas cidades e vilas nun só modelo.

Por eso volven os seráns... e máis que teñen que volver.

Susana Peleteiro.

________________________________________


por que? eu penso que é mesmo relaxante. tocar e/ou bailar por pasalo ben sen importar unha nota arriba ou abaixo sempre leva aparellada a diversión e a festa, e os galegos somos moi festeiros de nuestro señor. diversión e tradición diría eu.


máis que por necesidade, por puro divertimento. a xente vai buscando pasar un bo día tocando e bailando, sen importar a afinación ou as notas. o importante é pasalo ben e relacionarse con xente que comparte o gusto polas tradicións

anllo

________________________________________


Penso que poden haber muitos motivos:

Desde o económico, para que algunhas asociacións das que os organizan tiren algo de diñeiro para gastos.

Até o romántico: para recuperar unha das nosas festas mais antergas.

Pasando polo prático: recoller, coñecer, descobrir, compartir...

e o terreo....

Por outra banda, lembro hai anos os seráns de Toutón, muito antes de que se recuperara a celebración dos seráns por todas as partes...: xa estaban ateigados de xente interesada en pasá-lo ben, en aprender, en encher-se....

David Caparros

________________________________________


En primeiro lugar hai que ter en conta cal é a orixe desta recuperación: o traballo de campo de xente como Luís Prego que foi provocando a principios dos noventa que a xente do Condado e arredores recuperara unha tradición aínda latexante nas súas memorias. O resultado foi impresionante: creouse polas aldeas un circuito de inverno no que se podían ver a ducias de depositarios da nosa tradición expresar naturalmente os saberes que herdaron dos seus devanceiros co baile, o canto e a pandeireta, a gaita de fol... Para xente coma min foi e segue a ser unha gratísima sorpresa amais dunha fonda escola no bailar, no cantar e no tocar.

Este concepto de festa participativa resultou un éxito non só para a xente maior que os lembraba, senón tamén para a xente nova que se interesaba pola música e o baile tradicional, polo que o formato se foi adaptando de moi diversos xeitos, mantendo o nome de Serán ou collendo o propio da zona onde se vaia facer: Ruada no Suído e Terra de Montes; Foliada no Morrazo...

E é que non todo van ser discotecas e chunda-chunda...
Viva o serán!!

Guillerme Ignacio Costa.

________________________________________


Hola, persoalmente penso que os seráns se volven facer porque é unha forma de divertirse que a xente non quere que se perda. Unha festa popular. A min gústame bailar nos seráns un montón e si non os houbera pois tampouco poderías expresar o baile de forma libre. Para expresar o baile ou te meter nun grupo ou clases ou so che quedan os seráns.
Música e baile en directo.

Raquel

________________________________________


Aquí tes un par de ideas:

-Como reacción á anomia entre a xuventude galega. Os seráns son unha forma de identificación cunha comunidade (o cal xa é un fin en si) que ademais proporciona sentido de valor (tanto do que un fai como dun mesmo, que pasa a estar autosinalado como compoñente valioso nunha presunta cadea de transmisión) e un grao de participación que non se pode atopar en formas de lecer de tipo pasivo.

-Teñen plena validez como proposta lúdica; neste sentido, penso que xa non corremos risco de museización ou arqueoloxización do patrimonio musical galego porque hai unha masa crítica suficiente que sabe que se pasa pipa nos seráns, o que garante un uso auténtico (auténtico non por referencia a ningún tempo pasado senón á implicación persoal existencial dos participantes).

Paco Táboas.

________________________________________


Supoño que seran moitos factores os que levaron a volta dos serans.

Por unha banda , a xente maior sufriu un proceso de recuperación do seu orgullo e autoestima, fai 20 anos sentian vergoña de cantar e bailar esa vergoña penso que grazas a toda a xente nova que facía recollas, e o escoitar na radio e ver na tele as melodias e bailes que eles ensinaron o recoñecer o que ele fixeran na súa mocidade, fixo que sentiran ese pasado como importante e válido

Por outra hai un grande interes na xente nova por ver as persoas maiores bailando e cantando..., e se antes eramos 4 gatos, os mozos que sentiamos esta inquedanza , agora xa somo 10 gatos.

E somos un grupo de persoas grande que nos gusta bailalo solto cantar e tocar e só nos seráns podes facer.
Ë un xeito alternativo e económico de organizar unha festa
E un bo xeito de pasar un sabado a noite.

________________________________________


Se a música popular e tradicional representa o sentir dun pobo, é imposible vivir de costas a ela Durante un tempo os seráns, tal e como se entendían feitos polos nosos pais e avós, eran a única maneira de se divertir nas aldeas, xa que non había moitos recursos económicos nen sociais que permitisen a entrada doutras maneiras de lecer. A música feita fóra do núcleo poblacional comezou a chegar aos poucos ás festas das aldeas, e a evolución dese tipo de divertimento deu lugar ao case esquecemento daqueles fiadeiros e seráns Hoxe recuperouse o nome, pero claramente non ten que ver con aqueles seráns de fai 50, 60 ou 70 anos, ainda que o sentir é parecido, xa que o emprego e gozo do patrimonio inmaterial non so é necesario senón que debe encher o peito de orgullo a aquel ou aquela que son quen de beneficiarse del. A principal diferenza con aqueles seráns é que hoxe temos onde escoller entre moitas formas de lecer, mentres que os nosos avós só tiñan aquilo, por iso tal vez o vivisen dun xeito tan vital que no noso tempo cóstanos chegar a comprender.

Pedro Pascual.

________________________________________


Penso que cada vez hai máis xente interesada en recuperar as tradicións e aprender máis sobre a cultura e a música tradicional galega. Moitos dos meus amigos e amigas bailan ou tocan a gaita, pandeireta... Á miña forma de ver, cada vez a xuventude aprecia máis a nosa cultura e os seráns son unha boa forma de estar en contacto con todo iso.
Supoño que tamén contribuirán a este fenómeno a cantidade de grupos folc que hai hoxe en dia, os cales ademáis de recuperar a música tradicional incorporan novos instrumentos e tecnoloxías para darlle unha certa "renovación" (grupos como Berrogüetto ou Luar na Lubre, entre outros moitos)
Tamén é unha alternativa para a xente que lle gusta a festa, pero non quere estar toda a noite metido nunha discoteca. É unha forma diferente de divertirse.
Ademáis, o que pasa cos seráns e que se vas a un e pásalo ben, repites seguro.

Blanca Estévez

________________________________________


Yo creo que el fin último del por qué se hacen seráns hoy en día está muy alejado del uso primero del serán. En una época en que los estimulos y alternativas para el ocio son constantes (pubs, discotecas, festivales, salas de conciertos, auditorios...) y en que el acceso a estos soportes están al alcance de cualquier persona, no tiene sentido hacer un serán como opción única de ocio de una comunidad reducida. Yo creo que hoy se hacen por un lado para recuperar ciertos rasgos sociales del rural que se deterioraron con el paso de los años (sentimiento de comunidad, identidad cultural y homogeneización social, y fomento de las relaciones intracomunitarias) pero por otro lado creo que hay una competición entre los distintos grupos de "recuperación" a ver quién hace el serán más tocho, con más viejos, y quién se apunta la medalla del etnógrafo. Mi madre me cuanta que en el serán de su aldea el día que había UN gaiteiro o UN acordeonista era una ocasión especial en la que se llenaba de gente. Hoy hay carpas enormes, grandes equipos de megafonía, se fletan autobuses, se anuncian por televisión y hay una lista de espera de grupos para tocar!!!

Pablo Pascual


________________________________________


Home, esa pregunta non é de todo certa, eu penso que non é que se volvan facer seráns, realmente nunca se deixaron de facer, o que si é certo é que agora é a xente máis nova a que se encarga de organizar, polo que o poder de convocatoria é moito maior ( carteis, internet...); antes só era o boca a boca, a xente era dos arredores mentres que agora non hai distancias.Penso que si a xente acude os seráns e disfruta, anímase a organizar algo similar na súa zona...pero si realmente te fixas ben nos seráns da nosa, decataste de que a maioría dos que alí estamos nos coñecemos...será que somos poucos e facemos moito barullo??

Esther Lage

________________________________________


Por unha mestura de circunstancias, algunhas delas son
1. A revalorización da sabiduria popular relativamente as festas, polo que os vellos se sinten motivados para retomar.
2. Que os xóvenes anden ilusionados impulsinoando estas manifestacións. Talvez un pouco pola necesidade de encontrar a sua identidade.
3. A Televisión (ainda que hai cousas coas que non está de acordo nen por asomo, desde a descontextualización ata a concursitis propagada ata este medio, pasando por outras cousas que non veñen a conto....) tamén contribuiu.

Serxio Cobos

________________________________________


Eu creo que se fan os seráns pola mesma razón pola que se fan os bailes en Portugal.
Ali son mais internacionais as danzas que se fan, talvez pola maior apertura desse povo que sempre quixo ir a outros lugares descubrir o que ali havia, ou entón porque as danzas de outros sitios como algunhas italianas, mazurcas... que son sinxelas e especialmente sociabilizadoras... que para min o motivo de todo este resurxir é a soidade a que estas sociedades nas que estamos inmersos nos levan....

Mercedes Prieto

________________________________________


Porque a xente por moito que tente cambiar non se divirte mais que antes na discoteca que volve a un tolo.
Os seráns son o aire libre suponse que non deberian ter megafonia e todo esta feito de xeito tradicional sen playback e esas cousas modernas.non sei quizais e mellor e masis sinxelo de levar a cabo non precisa de diñeiro relativamente pra ser realizado.
e so unha opininon.

Sole Alvariño

________________________________________


A finais dos anos 80 e principios dos 90, rompéronse duas cadeas relacionadas co folclore en Galicia, a primeira xa estaba moi tocada, e era a de transmisión oral. Os pais e os avós xa non lles contaban nin lles cantaban nada ós fillos e ós netos. A segunda cadea que rachou (esta menos antiga) foi a da ensinanza "reglada" do baile tradicional, non así a da música que sigueu funcionando. Cando digo que rachou a cadea de ensinanza reglada, refíronme a que os alumnos de baile de boa parte dos grupos representativos de Galicia se deron conta de que os seus mestres lles "mentían", por dicilo dalgún xeito, e que había moito máis que aquelas catro cousas que lles estaban ensinando nos grupos e que en moitos casos eran inventadas. Así en cada grupo houbo algunha xente (nuns grupos moito máis que noutros) que se adicou a moverse pola Galicia profunda (nas Vilas xa pouco quedaba sen contaminar) para poder ter de primeira man información sobre cal era realmente o noso folclore.

Estas persoas (un grupo realmente reducido pois así a bote pronto se me ocorre que non chegan a cen e que todos se coñecen entre eles) atoparon moito material "técnico", é dicir, puntos, músicas, pequenas coreografías, vestiario,etc, que realmente era o que en principio se buscaba. Pero atopartonse tamén outro xeito de vivir o baile tradicional que non tiña nada que ver coa finalidade de escenario que nos ensinaban nas cidades. O baile era sobre todo para participar na festa, non para executalo para un público.

O seguinte paso era ensinar ó mundo esa outra vertente, e o único xeito era ou ben facer ir á xente da cidade a seráns todavía vivos (é o que sucedeu en principio no entorno de Vigo) ou recrealos actualizados nas propias cidades (é o que se fixo na Nasa e que comeza a suceder en outros sitios).

O resultado de todo este rollo, que é o que vou, é que detrás de cada serán dos que se fan hoxe está algunha daquelas cen persoas que che contaba más arriba e o que fai que a idea comece a funcionar de novo e a confluencia das ganas desa xente, coa necesidade de outro grupo de persoas de poder bailar solto sen subir a un escenario, e xa no caso do entorno de Vigo ademáis coa sorte de ter todavía xente maior que viviu aqueles seráns e os revive agora coa xente nova.

Quizá como nota final cabe resaltar que inda así, o fenómeno dos seráns é bastante máis pequeno do que podería parecerche agora mesmo a tí dado que o entorno no que te moves está no centro de toda esta tendencia. A xente interesada nos seráns somos uns poucos miles (sendo xeneroso) e sempre os mesmos en tódolos seráns e vai ser moi dificil que se volva a recuperar de xeito xeralizado o costume de bailar solto nas festas e concertos. O que sí é certo é que algo se camiñou cara adiante, pois no comezo dos anos 90 era imposible ver a unha ou duas parellas de baile sacando un punto nun concerto dun grupo folk.

P.D. Existen tamén algúns casos medio casuais, como o dos seráns da Nasa, pois tanto eu como Marcos non somos do entorno de xente da recolleita, e a única recolleira que fixemos foi a de coller o guante da xente que facía seráns no entorno de Vigo unha noite de chea.

Un saúdo.

Jose Antonio.

________________________________________


Pois menuda pregunta!
Eu, así sen pensar moito, porque xa non teño a cabeza habituada a estes exercicios, direiche que o feito de que haxa seráns na actualidade e de que teñan "éxito" responde ao traballo de determinadas persoas e grupos de música (tipo Peón, O Fiadeiro e Leilía, ou alonxándonos máis no tempo Muxicas, Xalgarete,etc., por citar aos máis coñecidos), que pretenderon a recuperación e utilización das nosas cantigas, bailes, xeitos de tocar, tradicións... e dentro diso atópanse os seráns (que, por un lado, servían para facer recollida ao tempo que o pasaban ben).
Supoño, que non servirá de moito, pero desde a ignorancia ese é o meu parecer.

Caseirinha

________________________________________


Eu non ando moito metido niso nin creo q a miña opinión sexa moi fiable.

En moitos lugares (obviamente non e todos) tómase como unha boa desculpa por pasalo ben

________________________________________


Polo mesmo que hai xente a estudiar socioloxía da música: a percura de sabor nas cousas ("ise algo" que vemos que fáltanos no "opio oficial","vara de azote" ou mesmo "cenoria" que o sistema/pastor/xinete poenos diante as ovellas/burros nestes tempos grises da queixa por nada e a inutilidade total das mans dos homes...se só sabemos xantar a herba do ocio, que menos que buscar a máis sabrosa)

________________________________________


Velaquí a miña contribución á cuestión proposta:

Pois en realidade non sei se algunha vez se deixaron de facer, máis ben me dá a impresión de que nunca se acabaron de perder e agora volveron coller pulo ou recuperar parte da forza que puideron ter no pasado; doutro xeito, porque o papel que desempeñan foi recollido por outro tipo de actos sociais actuais, pero si suplindo a necesidade de espazos de interacción e comunicación social que seguimos tendo como sociedade. Por outra banda, a revalorización do "enxebre" como algo non só "xeitoso", "curioso" ou "de desexable protección" (isto, é, simplemente folclórico ou como "curiosidade étnica"), senón como algo tan digno coma "o urbano" (suposto centro do cosmopolitismo, a vangarda e a modernidade) axudou a achegar esta realidade a unha mocidade máis desvinculada do rural pero menos prexuizosa (ou mesmo máis descoñecedora) cara a este tipo de xuntanzas.

Tamén creo que ten algo que ver cun feito duplo: a constatación de que en Galicia, país de emigrantes (interiores e exteriores), é difícil encontrar alguén que non teña unha vinculación coa aldea nunha ou dúas xeracións atrás e que, precisamente por esta gran emigración, numerosas xeracións de mozos actuais perderon ese contacto coa aldea, que aínda é unha realidade nos seus pais e avós. Isto puido potenciar a curiosidade cara a ese desexo de experimentar aquilo do que falan os avós, pero xa sen os prexuízos da xeración dos pais, que a miúdo sufriron en carne propia o desprezo polo rural, e tentar saber de onde veñen e, unha vez alí, ademais, descubrir que é divertido e que cumple con creces as necesidades de socialización, creatividade, aprendizaxe e disfrute que temos como seres humanos.

Por outra banda, onde digo aldea ou rural, quizais haxa xente que o vexa como "o noso", co que poderiamos tirar unha conclusión nacionalista ao respecto.

Abalante.

________________________________________


Ando a ler ultimamente a Arthur C. Danto e este, na introducción a El cuerpo/ el problema del cuerpo (Síntesis, 2003), fala a propósito do famoso decreto de morte que dictara Hegel para a arte do seguinte xeito: «En sus Lecciones de estética, Hegel declaró que la historia del arte (...) había llegado a su fin. Basó esto en parte en la opinión de que el arte ya no era capaz de relacionarse con la sociedad como lo había hecho en otros tiempos, en las épocas griega o gótica, expresando el espíritu objetivo de esas épocas. Se había abierto una brecha entre la sociedad y el arte, que se había convertido más en un tema de enjuiciamiento intelectual en lugar de, como se creía que era la belleza, un objeto de reacción sensual o intelectual».

A profecía do sabio alemán foi o primeiro que me veu á cabeza cando lin a proposta que nos faciades para pensarmos: Por que se fan seráns hoxe en día?

Se trazamos un paralelismo entre a arte e os seráns (e quen di seráns di toda tentativa de rescatar do pasado calquera actividade ou costume) decatámonos de que este proceso de reanimación –no caso dos seráns dun acto festivo propio dunha sociedade agraria, onde a música e as letras, así como os bailes e a súa ideoloxía (porque tamén os bailes teñen ideoloxía) estaban perfectamente incardinados na realidade social na que se producían– parte en realidade dunha intelectualización previa na que nós, urbanitas do século XXI cuns costumes e realidade totalmente alleos ao tipo de vida que deu lugar ao que hoxe coñecemos coma seráns, non somos quen de crear formas de ocio non alienantes, socializadoras e creativas (e esta carencia é o principal motivo para que busquemos formas de relación social no pasado), acaídas ao noso xeito de vivir, senón que por medio dun traballo reflexivo, re-creamos o que os libros ou as persoas maiores (ás que acudimos como se fosen libros) nos contan. Así, os seráns non serían o producto directo do noso ocio senón o producto do noso ocio mediatizado e intelectualizado.

No paradoxo de Aquiles e a tartaruga, argumento que pretendía demostrar a imposibilidade do movemento, Zenón de Elea cóntanos coma o heroe grego decide competir en carreira con aquel animal. Seguro de que sería moito máis veloz déixalle unha grande vantaxe. Ao darse a saída, Aquiles percorre en pouco tempo a distancia inicial, pero ao chegar onde se encontra a tartaruga, decátase de que esta non está, senón que avanzara, máis lentamente, un pequeno treito. Sen desanimarse, segue correndo, pero de novo, ao chegar canda o becho, este volve avanzar un pouco máis. Deste modo –dinos Zenón– Aquiles nunca gañará a carreira, xa que a tartaruga sempre estará por diante del. De igual modo que Aquiles, tratamos, por medio da recreación, de acceder a un ideal de autenticidade (no caso dos seráns trataríamos de acceder ao que poderíamos chamar un platónico Serán en si) que sempre se nos escorrega como unha troita entre os dedos. Isto sucede porque aquilo que hoxe coñecemos por serán (algo que por certo non pode máis que contaminarse co presente, véxase senón a tendencia a que os músicos toquen en escenarios) nunca coincide con aquel serán antigo e realmente auténtico, sempre rememorado, sempre estrañado, e sempre definitivamente perdido; e canto máis nos esforzamos en que todo sexa auténtico –enxebre– menos, probablemente, nos achegamos ao que eran os seráns que alegraban as horas de ocio labrego.

Para non finalizar con esta sensación agridoce que sempre deixa a calella sen saída que é o posmodernismo –porque facer seráns hoxe en día é absolutamente posmoderno– só se me ocorre facer unha pequena proposta: o mellor dos seráns, o que fai desexable que algo quede do que foron os seráns, non son as súas cancións sobre segas e vendimas, ou a súa capacidade de transportarnos a unha arcadia rural imaxinaria; o mellor dos seráns é a súa capacidade para a socialización interxeracional, o seu espírito participativo e a súa condición –polo menos ata agora– de ocio non mercantilizado. A nosa meta debería ser crear formas de ocio non mediatizadas pola representación intelectual, formas que non pretendan parecerse a nada senón ser elas mesmas no devir do presente, e que ademais se inspiren no mellor dos valores que emanaban dos vellos seráns. Velaí unha tarefa apaixonante.

O funambulista coxo

________________________________________

5 de setembro de 2008

Seráns, Foliadas máis ou menos periódicos...

En Vigo Seráns no local A Fábrica de Chocolate.

En Compostela, todos os mércores pola noite a partires das 22:30 hai Foliada na Casa das Crechas.

En Ourense Foliada no segundo venres de cada mes (itinerante) ás 22:00.

En Vilagarcía cada terceiro venres de mes Foliada na Cafetaría Vila Aurora a partires das 22:30.

En Lugo os primeiro e terceiro venres de mes, Foliada no Tuiriz (rua paxariños)

Nas Pontes o último venres de cada mes Foliada na Cafetaría Lar a partir das 22:30 horas.

En Cangas no último venres de mes Foliada no Salasón.

En Nerga (Hío) o segundo venres de cada mes Foliada no bar A Curva, a partir das 21:30 h.

Na Coruña, os primeiros xoves de mes, foliada na Sala The Star, en Carral.

2 de setembro de 2008

La Voz de Galicia: As verbenas de verán

Fonte: Carta ao director do Martes, 2 de setembro de 2008.

As verbenas de verán.

Non sei por que todas as festas deste país seguen o modelo ve-ve: vermú-verbena. É raro ver unha parroquia que se salte este guión establecido e propoña outro tipo de actividades. As comisións de festas parecen andar a piñón fixo, e os ramistas o que fan é contratar orquestras e recadar cartos casa por casa.

Non teño nada en contra das orquestras, pero coido que existe unha excesiva dependencia delas. Ademais co caché que están a acadar algunhas isto chega a supoñer un importante desembolso para os veciños, que en parroquias pequenas pode supoñer perfectamente 100 ou 150 euros por casa. E aquí como ademais imos de ricos, pois as contratamos a pares. Cando con unha por día podería ser suficiente. E iso para que ao final bailen catro e o resto estea apostado na barra da comisión co cubata na man; o modelo ve-ve deriva tamén no modelo bebe.

¡Pero se para quen quere bailar chega cunha gaita e un tambor! O que quero dicir é que as festas non deberían basearse só en traer orquestras de sona, como se se quixese facer ostentación; que existen moitas actividades que se poderían propoñer.

Outra festa é posible. Máis participativa, máis lúdica e menos custosa. Por iso se cadra dende os poderes públicos se podería suxerir, alentar ou crear un entorno favorable para mudar entre todos este modelo único de festa, e abrir o camiño a novas actividades e posibilidades.

Luís Couto Lorenzo. Lalín.

15 de agosto de 2008

Pazos de Borbén: Os seráns

Fonte: http://pazosdeborben.org/gal/conecer/6texto.html#serans



OS SERÁNS

O Serán é o nome polo que se coñece a unha festa na que os protagonistas son a pandeireta e o baile tradicional. Este tipo de celebracións realizanse nas nosas aldeas dende tempos antigos.

¿En que consistían antigamente?

Realizábanse case que tódalas semanas, a maioría das veces en recintos pechados, por exemplo na casa do pobo. Alí acodían as mozas acompañadas de súas nais, que as "vixiaban", para atoparse cos mozos que lles pedían para bailar mentres algúns veciños tocaban a pandeireta e cantaban cantigas. Unha das partes máis bonitas e entretidas do Serán eran Os Desafíos -"enfrontamentos" entre dúas persoas mediante cancións que algunhas veces improvisaban sobre a marcha-.

Tamén hai que resaltar que tódalas cantigas eran composicións das xentes da zona, e que cada lugar tiña as súas, cunha facilidade para cantar e compor abraiantes. Moitas destas composición son feitas nun galego misturado con frases en castelán.

Os Seráns hoxe.

Malia que estas festas populares se foron perdendo co paso dos anos, voltan por sorte a reaparecer con gran forza, contribuíndo así á conservación dunha importante parte da nosa cultura, a música popular.

Ós seráns acoden centos de afecccionados á nosa música e baile. O instrumento máis habitual segue sendo a pandeireta. Todo aquel que queira pode participar bailando, tocando e ata cantando. En moitas ocasións acompáñase a festa cunha merenda.

Os seráns

Fonte: http://agora.ya.com/barcadeloimil/o_ser%E1n.htm



Os seráns

Lonxe da fría definición de serán tomada como unha reunión ou festa social para divertirse, xeralmente nocturna na que hai baile, música e comida, os seráns populares conforman unha tradición e un espacio onde a xente, procurando fuxir do traballo cotián do inverno, atopa na relación cos demais e no divertimento un dos poucos elementos de lecer que a vida no campo permite en época de chuvias e treboadas.

O aproveitamento do tempo incluso levou moitas veces a asocia-los seráns con traballos propios da época e así, en Arbo, como en outras moitas partes de Galicia, son sonadas as fiadas asociadas ós saraos.

En tódolos seráns galegos a música e o baile forman parte inseparable, mentres uns danzaríns xiraban en torno a uns puntos nun pendello ou nun cortello limpo para a ocasión outros membros da festa tocaban a pandeireta, as tarrañolas, o tambor ou, se había sorte, o pandeiro, a gaita ou o acordeón. Logo, con habilidade intercambiábanse os papeis e os que antes bailaran pasaban agora a tocar ou cantar de xeito que a parte musical estaba sempre asegurada. As zonas raianas con Portugal gozaron sempre da importante riqueza que dá a vecindade e a diversidade producto do río e da fronteira. En moitos seráns de Arbo foise buscar a Portugal os acordeonistas que, de fama recoñecida, viñan enriquece-la sona dos seráns arbenses. Con eles, e cruzando nalgunha das barcas que unían Arbo con Melgaço, viñan mozos e mozas que incrementaban o espírito festivo e lúdico dos seráns.

A gastronomía é outro elemento que forma parte dos seráns. Entre tanta cantiga e algunha copla de desafío facíase inevitable ‘molla-la palleta’. Nada mellor que o viño que nunca faltou nos seráns dunha terra rica en uvas de boa calidade. Recuperar forzas ou simplemente reporse do frío facía que en moitos seráns fose habitual a coza de castañas con chourizo e incluso algún houbo onde se preparou chocolate. A algúns seráns as mozas chegaban con doces: biscoitos, bicas, chulas de bóveda ou uvas e figos pasos.

Os seráns que estes últimos anos ven organizando a Asociación Cultural Barca de Loimil contan con todos estes elementos e ante un día de inverno do mes de febreiro consegue xuntarse á xente de Arbo e Melgaço en torno a música, os contacontos, o baile, o chourizo, o viño, as castañas e o chocolate. O espacio é decorado con elementos propios das festas nocturnas populares en Galicia. Faroliños, medas de palla, cocos, bóvedas, mimosas cubren o recinto do garaxe do cuartel da Guardia Civil onde a Asociación organiza estes actos.

GZnacion: Os seráns na Nasa, ou a festa que non cesa

Fonte: http://www.gznacion.com/web/notic.php?ide=6664


Os seráns na Nasa, ou a festa que non cesa

[GZnación / Redacción / 12 Feb 08]

“Gaitas, pandeiretas e bailadores tomarán mañá o escenario da Sala Nasa coa forza que é habitual dende hai case cinco anos de forma continuada”. O local cultural e musical de Santiago de Compostela, a Sala Nasa, continúa co seu programa de seráns. A música tradicional chega da man de catro colectivos, Alboroque, Cantigas e Agarimos, Limagoia e OsCrótalos, que participarán na xuntanza o mércores 13 de febreiro ás 22 horas. O custo da entrada é de 2 €.

“Un intre que retoma aquelas xuntanzas que servían para rematar un día de festa entre coplas e puntos, e ao igual que hai moitos anos, todos os asistentes poden sumarse a tocar, cantar e bailar”. Segundo animan desde o local, “trocamos as eiras pola NASA, e sen limitacións de vestiario nin de técnica, corre á conta do público asistente o baile e a troula”.

Os Seráns da Nasa consisten na recuperación dunha tradición que procuraba o esparcemento despois dunha xornada de traballo, hábito que foi desaparecendo durante os anos sesenta. Estas foliadas regresaron pouco a pouco ás propostas de lecer, demostrando que non se trata dunha exhibición rancia, como se pode comprobar co éxito de convocatoria que teñen estes encontros.

Pasodobres, mazurcas, muiñeiras ou jotas son os ritmos que soarán neste Serán, nun ambiente urbano e moderno mais que non renega das tradicións, buscando o vencello cultural nunha sociedade cada vez máis individualizada.

“O que non canta nin baila,
que vén facer ó serán
aprender catro mentiras,
para ir contar mañán”.

A Peneira: Aqueles Seráns...

Fonte: http://www.blogoteca.com/malmequer/index.php?cod=8725 (Non topei a fonte na Peneira)

Aqueles Seráns...

¡Que difícil é atopar hoxe en día a mozos e maiores divertíndose baixo un mesmo teito; a pais e fillos danzar da man e a cativos e adolescentes pasando o tempo xuntos! ¡Quen o ía dicir ! Dende logo o que máis sorprende é atopar esta escea tan entrañable e esperanzadora; unha escea na que avós, pais, fillos e netos se estean a divertir nun mesmo espazo e dun mesmo xeito. O miragro interxeracional non se conseguíu nin con campañas dos Servizos Sociais nin con medidas institucionais.

Algo tan sinxelo como a recuperación dunha tradición ten feito que , por fin, todos consigan desfrutar xuntos. Deste xeito, os seráns cobraron forza e voltaron a cobrar importancia nas axendas dos veciños. Logo dun minuicioso traballo de pescudas os seráns son capaces de facer bailar a vellos e nenos, aínda que, cos anos, vanse engadindo novos elementos nestas festas tradicionais. Iso sí, seguen sen perde-la súa esencia:. a do baile e a música como entretemento.

Luis Prego Fernández, recuperador de tradicións e músico, explíca o milagro dos seráns, ruadas, folidas, esfolladas ou tamén chamadas fiadas ou polavilas en terras de Galiza.

Cando na época dos sesenta comezaron a desaparecer os seráns ninguén se atrevería a pensar que corenta anos despois se convertirían en festas capaces de congregar a centos de persoas e,nalgúns casos, incluso milleiros.

Daqueles vinte ou trinta veciños que se divertian ao son das pandereitas pasaron a ser festas nas que non falla o viño nin os chourizos asados.

Logo de perderse completamente os seráns voltaron ás vidas dos galegos cobrando forza e ofrecendo no seu repertorio non só música e diversión, tamén comida, bebida e exhibicións de danza tradicional.

Cando Luis Prego Fernández se propuxo documentarse sobre a música tradicional galega aínda non sabía que acabaría argallando unha “festa rachada”. Este vigues apaixoado da música e as tradicións galega non podía imaxinar o que se agochaba nos recordos dos máis maiores, marcados por unha vida chea de traballo pero tamén con tempo para o lecer.

Aínda que a traxectoria de Prego comeza vinculada á asociación “De Troula”, acabou formando parte do grupo “O Fiadeiro”.

Cando Luis, acompañado doutros membros do grupo, comezou o traballo de recopilación e documentación de bailes e cantigas galegas sempre se atopaba con referencias aos seráns, unhas festas, que segundo os máis maiores das parroquias, comezaban arredor das oito da tarde e nas que se xuntaban os veciños uns tres días á semana nas noites de inverno. “A xente recollía o gando antes e coma no inverno non había outro xeito de divertirse xuntábanse onde podía, sempre a partires do outono e cando as tarefas do campo xa estaban rematadas”, explica.

Lembra Prego que un dos primeiros serán que organizou foi o da Ínsua, en Ponte Caldelas, aló polo 1991. Como tivo certo éxito continuaron xa no ano 92 facendo o serán no baixo do bar do Crego. “Xuntamos a catro pandereteiras e ao grupo de gaitas que había antigamente e propuxémoslle xuntarnos tódolos sábados e facer festa. Foi todo un éxito”.

Os primeiros seráns que recorda fixéronse nos teleclubs e nas antigas escolas, xa que aínda non había espazos habilitados para esta festa.

No ano 93 nas Cortellas de Padrón animaron a algunhas veciñas que xunto con Manolo da Nave e Domingos da Ermida organizaban o serán os sábados. Domingos, á súa vez, trouxo dende A Ermida de Pazos de Borbén a unhas señoras maiores que tocaban e así, dun xeito completamente inesperado, acadaron a esencia dun serán: reunir a xente de distintas poboacións para tocar e bailar xuntos. Deste xeito Cortellas e A Ermida foron os primeiros da comarca e facer un serán dos de antes, dos auténticos.

E así comezaron na Ermida, donde comezou a vir xente de Paredes, e de ahí, pasouse a facer un serán na casa escola de Paredes, e foi tamén nesta vila donde comezaron a recupera-las labradas. Incluso chegaron a restaurar un muíño e a polo en funcionamento para explicar o proceso de elaboración do pan. “Nos puxemos a curiosidade e eles a memoria. Foi estupendo. Fixemos un serán ó pé do río”.

Logo chegou Moscoxo, falando co crego da parroquia lle propuxeron facer un serán en cada parroquia atopando en Lence, o crego, un gran apoio. Foi ahí donde se fixo o primeiro macro-serán porque víu xente dos arredores, e foi ahí donde tomaron contacto cos veciños de Toutón que hoxe organizan o macroserán dos Namorados.

Pero tampouco quere Luis Prego esquecerse das veciñas de Sequeiros que se deron a coñecer a traverso das veciñas da Ermida.

Mentras o boca a boca facía a súa laboura de dar a coñecer a recuperación desta tradición, conseguindo que veciños de todas as vilas se interesasen, a tarefa de documentación seguía. Para quecer o corpo sustituiron a tradicional “copiña de augardente” polo chocolate con rosca.

Lembra Prego que os primeiros que comezaron a dar comidas foron os de Sequeiros e os de Toutón. Recorda, ademais, que na nave de Pousiño se deu a primeira merenda para os participantes.

“Tamén en Sequeiros se fixo o primeiro palco explícitamente para os seráns. Fixoo Manolo na súa nave porque él é ferreiro. Realmente podemos decir que o serán da nave de Manolo e o de Moscoxo foron os primeiros macro-seráns. E aí tamén comezou a rivalidade, sobre todo, na comida que se ofrecía: xamón asado, empanada... e un longo etc de boa gastronomía”.

Aqueles seráns daqueles seráns dos anos trinta, corenta e cincuenta consérvase o espírito e as ganas de divertirse porque o xeito de festexar foi cambiando. Naqueles seráns que se celebraban nos alboios das casas e nas cortes do gando non había comida, tan só ganas de pasa-lo tempo porque, en realidade, no inverno non había outro tipo de diversión, así que, unha vez rematadas as tarefas do campo, limpaban as cortes, puñan candís de carburo e collían as pandeiretas dispostos a bailar ata ben entrada a noite.

Naqueles primeiros seráns colocaban bancos para sentarse os maiores e dentro do cadrado danzaban os máis novos. Na zona de Fozara, Ponteareas, cando non había alboio cortaban piñeiros e con colmo facían o tellado para poder resgardarse do frío.
Tal foi a importancia dos seráns que nalgunhas parroquias como a Calvos de Moscoxo celebraban varios á vez para rivalizar.

Os seráns conseguían xuntar aos veciños de distintas parroquias e vilas e constituían un lugar de encontro para os namorados e nun marco entrañable da vida social. Nos bancos dos seráns tecíanse historias, rumores, cantigas e cotilleos que logo se aireaban nas coplas de entroido.

Entre algunhas das diferencias que existen cos primitivos seráns está o número de cantigas que se cantan no esceario. Antigamente a xente que subía a cantar tiña que aguantar cinco temas porque a xente o que quería é bailar para poder, entre outras cousas, ligar. Agora hai tanta xente para participar que se tocan menos pezas por grupo. Entre as pezas que se soían tocar estaban a jota, a ribeirana hoxe coñecida como muiñeira, o agarrado que é o pasodobre, a jota corrida ou balse e o dous pasos ou a mazurca que son dous ritmos distintos. “Agora existe o defecto de dárselle moita impotarcia aos grupos que tocan perdendo parte do contido humán”.

O xeito de tocar nun serán era un distintivo de cada vila ou parroquia. Cada pobo tocaba uns temas determinados e característicos da súa zona. “Agora nun serán te poden tocar un maneo, estase a globaliza-los serán e eu preferiría que cada pobo conservase o seu xeito de cantar e bailar. Coido que os grupos que van aos seráns deberían respetar aos grupos anfitrións e facer que ninguén interprete os bailes e cancións propios do seu pobo, pero para iso habería que facer unha laboura de recollida de datos que permitira documentarse e saber en cada zona que é o quese bailaba e tocaba”.

Pódese dicir que en toda Galicia se bailaba ao son da gaita,da pandeireta, das cunchas e de moitos outros instrumentos improvisados pero habería que destacar que en cada zona predominaban uns ou outros instrumentos e que en cada provincia os seráns adoptaban distintos nomes. Deste xeito, no sur da provincia de Pontevedra denominábanse seráns, en cambio no norte da provincia e en Ourense e Avión chamábanselle “ruadas”. Na zona da Fonsagrada pasabana ser “polavilas” e no Caurel “filandón”. En Bergantiños e na Coruña son “foliadas”. Noutras zonas incluso se coñecían por “fiadas” ou “esfolladas”. Nalgunha outra chamábaselle “palilladas” porque as señoras maiores aproveitaban para palillar encaixe de bolillos mentras gardaban ás netas ou ás fillas. En canto a instrumentación e ás pezas existían certas diferencias; en Avión, por exemplo, bailabase a jota, a muiñeira e o agarrado. Na Limia non tiñan pandeiretas e tocaban a trisca que eran latas de pementón ou tixolas cunha chave. Na Fonsagrada só había gaiteiros e na zona do Paradanta tocábase moito a pandeireta, o pandeiro, as cunchas ou os ferriños. O gaiteiro tan só tocaba alí donde se podía contratar, e todo se pagaba a escote, incluso a luz. En definitiva, a instrumentación, as pezas, a ausencia de comida, os bailes característicos de cada pobo e o emprazamento son algúns dos factores diferenciadores entre os seráns dos nosos avós e os de agora.

www.apeneira.com

DUVI: Pandeireta e canto tradicional nun obradoiro de Extensión Universitaria

Fonte: http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=489&Itemid=7


Pandeireta e canto tradicional nun obradoiro de Extensión Universitaria

Romina Vázquez | Vigo
A cargo da A.C. Albendeira

Os toques de pandeireta e o canto tradicional galego son os eixos sobre os que xira o curso de Extensión Universitaria que estes días ofrece a Asociación Cultural Albendeira. María Prego, membro da agrupación e profesora do obradoiro sinala que “estamos a vivir un movemento de recuperación das tradicións dos nosos vellos, coa recompilación de cantigas e modos de utilizar a pandeireta. O obxectivo é que non se perda nada do noso folclore trala desaparición desa xeración”. Neste contexto trata de amosar aos alumnos letras de cancións e formas de tocar características de diversas zonas de Galicia para probar distintos ritmos.

Os toques de pandeireta e o canto tradicional galego son os eixos sobre os que xira o curso de Extensión Universitaria que estes días ofrece a Asociación Cultural Albendeira. María Prego, membro da agrupación e profesora do obradoiro sinala que “estamos a vivir un movemento de recuperación das tradicións dos nosos vellos, coa recompilación de cantigas e modos de utilizar a pandeireta. O obxectivo é que non se perda nada do noso folclore trala desaparición desa xeración”.
Neste contexto trata de amosar aos alumnos letras de cancións e formas de tocar características de diversas zonas de Galicia para probar os distintos ritmos posibles. “A duración do curso é de trinta horas, e realmente non dan para moito, xa que a pandeireta, como calquera outro instrumento, require tempo e dedicación”, tal como comenta a profesora.
As alumnas, pola súa banda, están satisfeitas co programa do curso e coinciden en afirmar que a motivación para acudir a estas clases é o “desexo de aprender a tocar un instrumento galego, posto que a maioría xa acudimos previamente a clases de baile tradicional”, segundo palabras de Rosa, unha das estudantes.

Broche de ouro: os seráns
Como complemento á parte didáctica, o programa do obradoiro prevé a proxección de vídeos e a visita a un serán o día que finalizan as clases. Trátase de ver en directo “unha festa das que facían antes os vellos”, segundo explica María Prego.
A tradición deste tipo de celebracións remóntase a séculos pasados, cando nas aldeas se facían múltiples traballos comunitarios. Ao remate da faena, os veciños adoitaban reunirse na casa dalgún deles para degustar produtos derivados do porco, tocar a pandeireta e danzar tanto con pezas para bailes soltos como agarrados, polo que as cuadrillas tiñan no repertorio muiñeiras, xotas, pasodobres, valses e mazurcos.

O folclore de Pazos de Borbén
“O concello de Pazos de Borbén pode presumir de ser a zona de Galicia onde máis vivo está o folclore” , tal como afirma a profesora do obradoiro, que engade que “se traballou tanto na súa recuperación que a día de hoxe seguen facendo seráns”. Aldeas como A Hermida ou Pazos fan quendas para a celebración destas festas nas que hai troula, canto, baile, comida en abundancia e “chocolate con rosca para recuperar enerxías”, segundo María Prego.

Planeta galego: Seráns, ruadas, rúas...

Fonte: http://www.degalicia.org/planeta-galego/index.php?name=News&file=article&sid=138

Seráns, ruadas, rúas...

Cando non existían discotecas nin medios de transporte, a xente das aldeas galegas adoitaba reunirse nos tempos de lecer para cantar, bailar, contar contos, en fin, divertirse. Divertíanse xuntos vellos, rapazada e cativos, cos mesmos bailes e as mesmas risas .
Estas xuntanza espontáneas facíanse en inverno, cando os días eran curtos e o frío non permitía outras actividades, habitualmente nalgún local comunitario, e recibían nomes diferentes en cada zona (ruadas, rúas, seráns…).

Chegaron logo os coches, os cines, as discotecas, outras posibilidades de diversión para a xente nova; xa non lles interesaba compartir o seu tempo cos maiores, e nuns anos estas xuntanzas desapareceron. E sen elas, rompeuse a cadea transmisora da tradición: a xente nova deixou de aprender contos, deixou de aprender bailes, deixou de aprender músicas, deixou de falar galego…

Hai uns anos, a rapazada interesada nas nosas músicas e bailes, comezou a recuperar estas xuntanzas, pero xa de forma organizada, de tal xeito que moitas parroquias, unha vez ao ano, celebran o seu serán. Algúns deles, coma o de Toutón, son multitudinarios, e contan con actuacións programadas. Outros, coma o de Arbo, aínda que organizados, manteñen a espontaneidade, e quen quere cantar, canta, quen quere tocar, toca, e todos e todas bailan. Noutros lugares, coma Barro de Arén, en Cerdedo, os emigrantes retornados recuperaron o costume de xuntárense cada fin de semana, e volven gozar xuntos coma cando eran novos.

Os vellos, que aínda lembran as súas tardiñas festeiras, bailan e cantan felices de teren a quen transmitirlle o que eles aprenderan. Lembran con esforzo e ilusión as cantigas e os puntos que ficaran inútiles durante tanto tempo. Certo é que a rapazada que asiste a estas xuntanzas na maioría dos casos non pertence ao propio lugar, senón que son persoas moi achegadas á cultura galega, que cada fin de semana van a un serán diferente para teren a oportunidade de cantar e bailar, e rexeitan as formas de diversión modernas a prol das tradicionais.

Os seráns proliferan nestes días de frío polo sur de Galiza, e non hai nada tan fermoso coma ver de novo vellos, rapazada e cativos, bailando e cantando xuntos.

A cultura galega, polos pelos, vaise salvando.

Cultura galega: Fiar na tradición

Fonte: http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=3939



FIAR NA TRADICIÓN

A recuperación e difusión do folclore mobiliza por todo o país os membros da asociación O Fiadeiro de Vigo
Santiago. Redacción
21 / 1 / 2004

Os cantos e bailes tradicionais non son algo exclusivo do rural. Desde unha metrópole coma Vigo, a asociación cultural O Fiadeiro leva xa trece anos demostrando que é posíbel non só recuperar a nosa tradición musical, senón tamén difundila, e cun notábel éxito, no contorno urbano galego. Unha xornada de portas abertas achegou o seu traballo aos interesados durante a última fin de semana, e en poucos meses verá a luz a sexta edición da gala "Esta noite hai unha fía".
Un grupo de afeccionados ao folclore e á cultura tradicional reuníanse en Vigo en 1991 para formar un grupo de recollida de pezas de canto e de baile tradicional. O proxecto foi medrando, atraendo máis xente e estabilizándose, mais aínda habería que agardar até 1995 para que se inscribise legalmente a Asociación Cultural "O Fiadeiro". Nove anos despois este colectivo é un dos máis importantes de Galicia no traballo de recompilación e de difusión do noso folclore, atendendo a aspectos a miúdo esquecidos coma o contexto no que nacen e se interpretan as pezas, a roupa con que se executan ou a historia de vida das persoas que lle contan.

Viaxes e cancións
Aínda que existen arredor de douscentos socios vencellados ao colectivo, o número de participantes habituais nos grupos de canto e de baile e nas actividades de recollida rolda os sesenta e cinco, na súa maioría vigueses mais tamén xente de Pontevedra ou do Morrazo que se achegan á cidade para participar nas actividades do Fiadeiro. A principal destas actividades é a recollida de folclore. Cada fin de semana, ou en ocasións entre semana, grupos deste colectivo parten cara algún recanto de Galicia á caza de novas pezas de musica e de danza. "Normalmente imos en grupos reducidos de dúas ou de tres persoas", sinala Raquel Barredo, secretaria da asociación, "esta fin de semana, por exemplo é unha excepción. Imos a unha foliada que fan semanalmente uns veciños de Ribeiras de Lea, en Lugo, e levamos os mais pequenos do grupo, para que vaian vendo como é unha recollida".

A caza da peza
Aínda que o proceso continúa a se basear sobre todo en falar coa xente, as recollidas no 2004 contan co apoio das últimas tecnoloxías. Alén de tirar fotos e de identificar polo miúdo a xente que achega información, "sacamos gravacións en audio dixital, en vídeo e tamén levamos un computador portátil cun escáner para copiar fotografías que nos amosen como vestían", apunta Raquel. A intención do Fiadeiro é ser o máis fieis posíbel a como se vestía en cada época do ano nas diferentes zonas do país e reproducir iso nas interpretacións que fai o colectivo. Para isto contan a miúdo coa colaboración dos informantes, que mesmo lles chegan a ceder ou a prestar roupa antiga para que poidan coñecela e reproducila o máis exactamente posíbel. Os participantes na recollida tentan recompilar o máximo de información posíbel. "As nosas entrevistas van desde como aprenderon o baile os informantes a ver os traballos que desenvolveron ou a calidade de vida que levaron", sinala Raquel, "todo iso inflúe no baile, non era o mesmo a xente do campo que a xente que xa tiña un certo nivel de vida".

Cartos para a canción
Durante moitos anos eran os propios participantes nas recolleitas os que achegaban o material necesario para a actividade, pagando do seu peto desprazamentos, cintas, películas, gravadoras e cámaras. Nos últimos anos a asociación consegue apoiar economicamente estes traballos e está a tentar cubrir gastos de gasolina e consumíbeis. "O ano pasado recibimos os primeiros subsidios desde o Concello e desde a Deputación, antes nunca recibiramos axudas públicas", sinala Raquel. Os tres euros ao mes que paga cada socio, o apoio de comercios da zona, que se inscriben coma socios colaboradores a cambio de ser publicitados en todos os actos do Fiadeiro, os cartos que se ingresan por impartir cursos e, sobre todo, o que cobran os grupos de canto e de baile do colectivo continúan a ser as principais fontes de ingresos para a asociación.

Esta noite hai unha fía
Alén de recoller, desde O Fiadeiro preocúpanse de difundir o legado folclórico galego. Para isto, imparten desde hai varios anos cursos de percusión tradicional e gaita e crearon escolas de baile, pandeireta e canto tradicional tanto para nenos coma para adultos. Tamén contan con grupos propios que executan diferentes pezas tradicionais por toda Galicia. Sen embargo, a súa actividade máis coñecida é a gala "Esta noite hai unha fía". Este evento amosa cada dous anos unha selección do traballo de recollida que se desenvolveu nese período, achegando ao grande público antigos xeitos de baile e de canto case esquecidas. Deste xeito na última gala, celebrada no 2002, amosáronse cantos de canteiros, de arrieiros, xotas ou pasodobres. Unha das peculiaridades da gala é que onda os membros da asociación moitas das pezas son interpretadas polas mesmas persoas que llas deron a coñecer ao colectivo. Deste xeito, veciños de lugares coma Sísamo, Limares, Toutón ou Murias de Rao subiron ao escenario en Vigo para interpretar pezas que só lembraban nas súas aldeas.

Comunicando
Conscientes da necesidade de difundir ao máximo o folclore tradicional para evitar que se perda, desde O Fiadeiro coidan especialmente a comunicación. Unha coidada web amosa as diferentes actividades da asociación, a súa historia e o programa dos diferentes eventos programados e a través dela puideron seguirse as diferentes actividades desenvolvidas na última gala. Tamén con ocasión deste evento a asociación publicou a revista "Esta noite hai unha fía", dedicada unicamente á etnografía desde a perspectiva musical, e que incluía artigos, pezas, partituras ou entrevistas con algúns informantes. Finalmente os membros do fiadeiro organizan cada ano unhas xornadas de portas abertas no local da asociación, dando a coñecer a colección de traxes e de documentos que atesoura o colectivo e impartindo gratuitamente cursos de iniciación a diferentes instrumentos tradicionais.

Futuro inmediato
Para este ano está prevista a edición dun segundo número de "Esta noite hai unha fía", alén de celebrar a sexta edición gala o vindeiro tres de abril no Centro Cultural Caixanova. Entre os proxectos que ten en marcha a asociación está a renovación completa da súa web "a nosa intención é crear algo así coma un portal etnográfico", sinala Raquel, e procesar e dixitalizar o amplo arquivo da asociación. Para alén diso, continuarán co intenso traballo de recollida que desenvolven por toda Galicia. "Hai moitos sitios onde ir" recoñece Raquel, “pero cada vez é máis difícil porque os vellos van morrendo e queda menos xente que se acorde, e chegará un momento en que só nos quede o material que se vai recollendo deste xeito".

El País: O rexurdir dos seráns

Fonte: http://www.elpais.com/articulo/Galicia/rexurdir/serans/elpepiautgal/20070713elpgal_18/Tes


O rexurdir dos seráns

As reunións tradicionais de músicos póñense de moda e cómenlle terreo ás verbenas

ALFONSO PATO 13/07/2007

"Por favor, tocade só tres pezas, que é tardísimo e todos queremos actuar". Estamos no serán de Amorín en Tomiño, é a unha da mañá e a pandereteira Bea Cela, presentadora do evento, pídelle aos grupos que faltan por tocar que non se demoren. Hoxe hai anotados arredor de vinte grupos de músicos afeccionados, e aínda faltan case a metade por actuar. Señoras con aspecto de pensionistas, mozos cun look máis propio do Festival de Benicássim, paisanos conxuntados con gorros de palla, e até nenos de pantalón curto. Todos agardan pacientemente con pandeiretas, bombos, gaitas ou acordeóns na man, ao pé dun improvisado palco enriba dun tráiler. Previsiblemente ninguén marchará para a casa antes das cinco da mañá. E iso que no mesmo día celébrase outro serán en Budiño, a menos de vinte kilómetros. Hai sábados que teñen coincidido até media dúcia de seráns nun radio de poucos kilómetros, sobre todo no sur da provincia de Pontevedra.

Os seráns celebrábanse nos días de inverno, pero agora prolónganse durante todo o verán

Os seráns viven un momento de esplendor e parece non ter límite. "Os seráns están tradicionalmente asociados ao mundo rural, eran reunións musicais de veciños que se facían en casas, no inverno, cando os días son máis curtos, ao rematar as labores do agro, pero agora hai tantos, que xa se prolongan incluso ao longo do verán", explica Chisco Feijóo da agrupación O Fiadeiro, de Vigo, unha das asociacións claves na recuperación deste tipo de reunións musicais, moi arraigadas, sobre todo, nas comarcas pontevedresas do Condado e A Paradanta. Feijóo ten 34 anos, leva desde os 17 anos traballando co seu grupo na colleita de pezas tradicionais, e hai pouco máis dunha década iniciaron un proceso de recuperación dos seráns, o que, para a súa sorpresa, se foi achegando máis e máis xente de xeito espontáneo.

Moitos destes músicos afeccionados empezaron en clases de gaita ou de pandeireta xa cunha certa idade, ao abeiro de agrupacións folclóricas tradicionais ou de actividades de asociación de veciños. A presentadora do serán de Amorín, Bea Cela, da clases de canto vocal e pandeireta en diversas asociacións na provincia de Pontevedra. Esta profesora de pandereteiras é unha habitual dos seráns e normalmente arrastra a tres ou catro grupos con ela, aos que adoita acompañar no escenario: "Subo con eles para guialos un pouco, senón pérdense". Para ela, o obxectivo destas reunions é "pasar un bo momento e esquecer os problemas". Bea Cela leva case unha década aprendéndolles a moitos dos centos de músicos que agora vai atopando polos seráns adiante. No serán de Amorín hai músicos chegados do Rosal, de diversas parroquias de Tomiño, de varias localidades de Portugal, ou de A Guarda. Hainos de todas as idades, coma o neno acordeonista Daniel Vilanova, de dez anos, un dos máis aplaudidos, ou as pandereteiras e pandereteiros do Centro Social do Aloia, en Tui, no que se mesturan desde mozos ata xubilados.

"Agora, nalgúns seráns igual se reúnen cerca de 200 músicos para tocar e rematan as seis ou sete da mañá. Ás veces hai tanta xente que quere actuar que non dá tempo e teñen que marchar para a casa sen tocar", explica Chisco Feijóo, nun descanso do ensaio de O Fiadeiro, outra agrupación coa que aprenderon un bo número de músicos.

Pero tanta troula tamén precisa algo de sustento. En Amorín dan de balde viño tinto e pan con chourizo, e noutros lados rosca, empanada e, por suposto, licor café. Se un ten máis apetito, tamén pode comer un prato de churrasco, por exemplo. En Amorín, a comisión de festas da Virxe da Agonía, aproveita para recadar cartos poñendo unha cantina no serán. O presidente da comisión vende os tickets para o churrasco, apoiado nunha furgoneta multiusos: "É que hai que recadar por onde sexa, que este ano a verbena vainos a sete millóns e medio de pesetas", xustifica, mentres ao fondo, á beira do río Miño, uns mozos péganlle ao calimocho, nun híbrido de serán-botellón.

"Se alguén se quere anotar, teño eu a libreta", coméntalle Bea Cela a un grupo de músicos. Na libreta establécese a orde de actuacións según vaian chegando. Os gaiteiros de Lirolai, do Rosal son os próximos en subir ao palco-tráiler do serán de Amorín. "Metémonos tarde na música, e é o terceiro serán ao que vimos. Imos enterándonos por outra xente ou polo que van anunciando en Malmequer", comenta Luis Iglesias, un dos seus membros entusiastas. Malmequer é unha páxina web de referencia para os afeccionados aos seráns. No seu foro hai interesantes opinións sobre a evolución e recuperación dos seráns, e debates sobre se a tradición se está recuperando con xeito.

"Os vellos facían o que se chamaban botar un serán enteiro, con pezas bailables, empezando por jota, muiñeira e algo de agarrado como vals, pasodobre ou mazurca, e botaban así horas e horas", lembra o estudioso Chisco Feijóo, ao tempo que engade que "iso será moi difícil mantelo así, pero hai que ter coidado, e que este auxe non leve a converte-lo só nun nome comercial, e chamarlle serán a calquera cousa, porque ultimamente xa teñen aparecido a tocar até tipos con djembés" (instrumento africano de percusión).

En Amorín, á unha e pico da mañá, a xente segue chegando ao serán, os coches invaden un párking improvisado no medio das leiras, as pandereteiras e gaiteiros esperan en ringleira para subir a tocar ao palco-tráiler, e o presidente da comisión de festas non para de despachar tickets para o churrasco, ao tempo que saca a súa propia conclusión: "As verbenas son moito máis caras, a Orquesta Sintonía cóbranos este ano dous millóns trescentas mil pesetas e iso é difícil de xuntar. Os seráns dan moito ambiente e ademais son moito máis baratos". Non é de estrañar que os seráns teñen tanto éxito. Pola megafonía anuncian novas reunións para xullo e agosto. Polo que se ve, a época dos seráns rachou definitivamente as barreiras do inverno, para instalarse sen reparos na época estival, un espazo ata o de agora acoutado ás orquestras. En Amorín, un grupo acaba de baixar do palco-tráiler logo de tocar A Carolina. Que suban os seguintes anotados na libreta.

A tradición móvese por Internet

Se hai un punto indiscutible de referencia no rexurdir que están a vivir estas reunións tradicionais, ese é sen dúbida a páxina web de Malmequer, un espazo que se converteu no auténtico libro de ruta para seguir os seráns. Todos os afeccionados aos seráns están ao día a través de Malmequer, un foro no que paga a pena entrar, para ter unha idea da dimensión destas reunións, que moven a centos de persoas dun lugar para outro coa gaita ou co bombo ao lombo. Desde calendario de seráns, mapas de ubicación, crónicas de cada un dos festivais, pasando por fotografías, chats entre afeccionados, e ata vídeos. É o mellor exemplo do bo rendemento que a tradición pode sacarlle ás novas tecnoloxías. "Só levamos catro meses, pero estamos sorprendidos da repercusión que a web está a ter", explica Henrique Macías, un dos responsables de Malmequer. "Somos varios amigos, que non teñen nada que ver cun grupo musical, e que nos gusta a cultura tradicional, a música, o baile e a etnografía", comenta Macías. Nesta páxina pódense contar até medio cento de seráns que empezan en outubro e semellan non dar rematado nunca. "Eran tradicionalmente unha festa de inverno, porque cando chegan os días máis longos había que traballar no campo até máis tarde, e había menos tempo para festas, pero agora xa se prolongan ao aire libre, todo o verán", comenta Macías. "Atopamos un xeito

de divertirnos que non coñecíamos e que nos énche moito. Nos seráns hai unha relación interxeracional, e aprendes moito de ver tocar e bailar ás persoas maiores", di este seguidor incondicional dos seráns. Neste espazo de Internet, un pode enterarse de que hai "estrelas" dos seráns, persoas maiores dos que os novos aprenden, persoas moi respectadas, como a cantadeira Rosa de Moscoso, ou o bailador Eugenio de Toutón. Henrique Macías teno moi claro: "Temos moita sorte de poder disfrutar aínda desta xente e seguir aprendendo deles"

Diario Folk: Los seráns gallegos

Fonte: http://www.diariofolk.com/2008/04/03/los-serans-galegos/lang-pref/gl/


Los “seráns” gallegos

April 3rd, 2008 by Sotelino

Los “seráns” son la muestra más viva de la tradición en Galicia, jóvenes y ancianos se juntan en los “torreiros” bailando, tocando o cantando diferentes piezas de la música tradicional con la simple finalidad de pasarlo bien. Suelen comenzar a partir de las 8 de la tarde y en ocasiones se prolongan a altas horas de la madrugada. Son fiestas que perviven en el tiempo, llegando a alcanzar mucho éxito en los últimos años, sobre todo, en la provincia de Pontevedra donde casi todas las aldeas celebran el suyo, le sigue la provincia de A Coruña, en Ourense se están extendiendo poco a poco. Si quereis disfrutar de alguna de estas fiestas, a continuación os dejamos una lista de las siguientes fechas confirmadas:

Sábado 5 de Abril:-Serán en Batalláns-Lentille (As Neves)

Sábado 12 abril:
-Serán en Angudes (Crecente)
-Serán en San Pedro (Nigrán)
-Serán do Ghaiteiriño (Aldán)

Sábado 19 abril: -Serán en San Pedro (Nigrán)
-Serán de Laxoso (Pontecaldelas)

Sábado 26 de Abril:-II Noite de Fiadeiro en Ramirás (Ourense)
-Ruada en Catoira
-Serán no Centro Cultural San Roque de Morgadáns (Gondomar)
-Serán no C.S. O Fresco (Ponteareas)

Sábado 3 de maio:-III Serán do Coello” en Lourido (Soutomaior)
-Serán en Nespereira (Pazos de Borbén)

Sábado 10 de mayo:-Serán no Porriño (Praza de S.Benito)
-III Serán do Mar de Rianxo

Sábado 17 de mayo-Serán en Romaríz (Soutomaior)
-Serán en Chaín (Gondomar) no C.C. A Merced
-Serán en Redondela (Alameda)

14 e 15 de Junio
-Foliada e Romaria do Lecer de Xacarandaina na Coruña

Sábado 28 de Junio-Serán do Fiadeiro (Vigo))

14 de agosto de 2008

Cultura Galega: A recuperación dos seráns mobiliza milleiros de persoas no país

Fonte: http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=11718


A recuperación dos seráns mobiliza milleiros de persoas no país

Santiago. Redacción
10 / 3 / 2008

Tradicionalmente, os seráns eran xuntanzas festeiras que se facían ao final do día nas nosas aldeas. Música e baile improvisados e algo de beber compuñan unha festa aberta á participación de todos. Malia á fin desta sociedade, os seráns están a vivir no últimos anos un proceso de recuperación que mesmo está a conseguir meter estas festas nas cidades.
Na zona interior de Pontevedra, coñecíanse coma seráns uns encontros festivos que se celebraran durante os meses de inverno, cando non había verbenas, e que comezaban, como o seu propio nome indica, cara ao final do día. Este encontros, centrados na música e no baile (ata o punto que mesmo había unha orde estipulada para os distintos pasos), mantivéronse vivos ata non hai moitos anos na nosa cultura. Ante o seu esmorecemento, diferentes persoas e grupos de afeccionados á nosa música tradicional apostaron por recuperar esta modalidade de festa, acadando un certo éxito.

A volta do serán
“A recuperación dos seráns ven por grupos e persoas que andaban a facer recolleitas de música tradicional, e colaboración coas persoas que aínda lembraban estas festas e que se animaron a participar”, explica Henrique Macías, responsable da publicación dixital “Malmequer”. Neste web unha completa axenda recolle as citas deste tipo que se desenvolven na nosa xeografía, uns encontros que cada vez chegan a máis lugares. “Desde hai quince ou vinte anos levan recuperándose, e semella que aos poucos vanse expandindo a partir da zona onde máis se lembraban, que era o contorno de Mondariz e Pazos de Borbén”, lembra. Así, áreas coma Gondomar, entre outras, sumáronse a festa, “hai coma un circuíto que se está a ampliar, ás veces con nomes coma ruadas ou fiadeiros”. A expansión deste fenómeno non é allea á influencia de Internet. “Antes pouca xente sabía que se estaba a recuperar isto, con Internet si que se está a dar a imaxe dalgo que está vivo e que se pode facer en calquera sitio”, completa Macías. Canda á expansión xeográfica, os seráns van tamén incrementando a súa presenza no calendario. “Os orixinais eran da na época do inverno, pero pouco a pouco vaise ampliando o período, e comeza a habelos mesmo no verán. Isto débese en boa medida a intentar que non coincidan moitos, e entón vaise expandindo o calendario”.

A presenza dos maiores
Os seráns desta nova xeira comparten un bo feixe de protagonistas cos últimos que se celebraban en moitas aldeas. “Nas zonas onde estaba máis vivo é a mesma xente maior a que organiza estas cousas, participa e móvese dunha festa a outra, moitos aínda se animan a bailar”, explica Macías. “A xente da zona ve isto como algo propio, e nalgúns sitios mesmo está a ter máis éxito o serán do que a festa do patrón da parroquia”, lembra. Lugares coma Toutón contan con máis de dúas mil persoas que participan nestes eventos, o que nos pode dar unha idea do seu éxito. Precisamente a presenza de persoas de diferentes xeracións e a organización ao xeito tradicional, a cargo dos anfitrións locais, son riscos que para Macías caracterizan esta festa. “é agradable ver a xente da zona como nos días anteriores se move para facelo todo”, completa.

A invasión das cidades
Dentro dese proceso de expansión, os seráns conseguiron entrar mesmo en áreas urbanas das que non eran propios. “Hai determinada xente que demanda este tipo de festas, aínda que non se lles pode chamar xenuinamente foliadas”, explica Macías, “xa que non se dá ese elemento interxeracional propio destes encontros. Aquí atópase xente nova ás que lles gusta a música tradicional e queren facer festa tamén deste xeito ao tempo que reivindican a nosa cultura”. Salas de concertos e pubs constituíronse nos lugares idóneos para este tipo de encontros, que nalgúns casos, coma os que se celebran na Sala Nasa ou na Casa das Crechas de Compostela, contan xa cunha ampla tradición. Canda a estes, locais coma Salasón, en Cangas ou a Star, en Carral, contan con festas deste tipo na súa programación habitual.

O serán na hostelaría
Unha das últimas en se incorporar a esta tendencia foi a Fábrica de Chocolate, en Vigo. Segundo nos explica desde este local Jorge López, responsable de comunicación, “No noso caso a idea naceu porque viamos un espazo que non estaba cuberto na cidade, e como estamos abertos a todo tipo de proposta cultural que poidamos acoller, decidimos dedicar o primeiro e o terceiro mércores de cada mes a un serán, e tivo boa acollida e vimos que podía funcionar”. Coma noutros casos, a entrada a estes eventos é libre e gratuíta, todos poden achegar á música o seu grao de area, e o local tira o rendemento económico da venda de bebidas en xornadas nas que ao mellor era difícil rendibilizar outro tipo de programacións. Desde a Fábrica, desde logo, animan aos locais a apostar por este tipo de eventos. “Penso que está pouco explotado. É algo sinxelo de organizar, case se fai só e só compre difundir un pouco a cita. Posiblemente puidese funcionar en cidades máis pequenas”, completa.

A apañar os instrumentos
Polo momento, semella que os serán continúan coa súa fase de expansión, recuperando un xeito de xolda vencellado á nosa cultura tradicional. “Nas cidades o seu éxito dependerá moito da xente dos grupos tradicionais. Se ven a música coma un xeito de se divertir, e non só como algo para actuar, os seráns poden influír moito na forza que a música tradicional consiga no ambiente urbano”, conclúe Macías. O calendario está aberto, é cousa de buscar a gaita ou as castañolas, segundo se saiba, e se sumar á festa.
Tamén che pode interesar...

* A recuperación dos seráns mobiliza milleiros de persoas no país
10/ 3/ 2008

Chuza: A ofensiva dos seráns

Fonte: http://chuza.org/historia/a-ofensiva-dos-serans


A ofensiva dos seráns

www.culturagalega.org/noticia.php?id=11718
enviado por Toxo hai 168 dias 7 horas 52 minutos, publicado hai 167 dias 15 horas 13 minutos

Tradicionalmente, os seráns eran xuntanzas festeiras que se facían ao final do día nas nosas aldeas. Música e baile improvisados e algo de beber compuñan unha festa aberta á participación de todos. Malia á fin desta sociedade, os seráns están a vivir no últimos anos un proceso de recuperación que mesmo está a conseguir meter estas festas nas cidades, mobilizando a milleiros de persoas por todo o país.

Apunta para non o esquecer: Serán na Ermida

Fonte: http://apunta.blogsome.com/2006/03/11/seran-na-ermida/


Serán na Ermida.

Onte á tarde, un colega movilizou a media pandilla para acudirmos a un serán no concello veciño. Eran as once e media da noite cando chegamos a Pazos de Borbén, había luces de festa e unha carpa con escenario, pero nin unha soa persona, xa non digamos de festa, sinón a quen lle preguntar. Apunto por autobombo que, despois de un intre de indecisión, fixemos un alarde deductivo, apreciando que, si todavía líamos as luces de “Benvidos” de esquerda a dereita, significaba que aínda tiñamos que pasar por debaixo de elas para chegar ó sitio. Un par de kilómetros polo monte máis adiante, confirmouse a nosa apreciación.

Seran A Ermida

A Ermida é unha aldea de montaña, a última de Pazos antes de chegar a Aranza, xa en Soutomaior, moi linda de visitar de día, para os que nos gustan as paisaxes de leiras en socalco, con baladiños de pedra e regueiros polas beiras do camiño, que no inverno fan de drenaxe e no verán de regadío. Como na maioría dos sitios, non se conserva exclusivamente a arquitectura tradicional, pero hai numerosos exemplos de casas e hórreos típicos da provincia de Pontevedra.
Eu iso seino porque xe estivera alí máis veces. Preto das doce da noite que chegamos alá, poco ou nada puidemos ver; tampouco era a nosa intención. O serán estaba organizado con motivo das festas na honra da Nosa Señora da Encarnación, nunha carpa instalada anexa á “Casa da Socidade de A Ermida“, a antiga escola, convertida agora ós usos lúdicos e sociais da parroquia, e que facía as veces de posto de bebidas da festa. A foto, non é a que máis me gusta, pero escollina porque ten un detalle anecdótico, na lona do fondo, tralos músicos, unha pintada medio borrada que dicía “Independencia e socialismo” (pouco se lé, pero bueno).
Debo confesar que eu nunca fun moi devoto das agrupacións folklóricas, aínda que recoñezo o seu grande esforzo pola conservación do patrimonio inmaterial da nosa terra. Pero nos seráns, a cousa cambia. Os grupos de gaiteiros, cantareiras, ou solistas, agardan o seu turno para ir pasando polo palco entre a o público, bailando e divertíndose. Non hai traxes rexionais nin uniformes, coa gaita ó lombo, ou co tamboril pousado onde non o rouben, músicos de tódalas idades bailan con xente… de tódalas idades tamén. E quen non baila, mira, rie, canta ou bebe. Fálase galego.
Contra a unha e media da máñan, metéronme unha servilleta de papel na man; tardei en me dar conta de que casi todo o mundo tiña unha o mesmo que tardou unha rapaza en me dar un vaso de plástico, co logotipo de Telefónica (esa reciclaxe, inherente ó galego).
-”¡É para o aperitivo!”- díxome sin parar de repartir.
Logo atisbei a unhas señoras con un mantón polos hombreiros, levando uns cestos con pan onde cada un se sirvía, e detrás unhas fuentes metálicas cargadas de chourizos asados, levadas por dúas personas con luvas de latex (importante detalle hixiénico) que chuzaban o embutido no cacho de pan.
Un dos repartidores, ó chegar xunto a mín, tocoume co guante no pan, deixándo o rastro dos chourizos, riuse e díxome:
-”Sólo damos salsa.”
-”Pois si sólo das salsa bótame máis, que isto non me cheja a nada.”
-”Antes díxenlle isto a un vello, e miroume con unha cara que pensei que me iba arrear, pero cando lle din o chourizo quedou maís tranquilo.”
De últimos, un xerros de plástico, cargados de viño tinto da casa, encargáronse de encher os vasos. Hubo para repetir canto se quixo, e apreciei unha grande atención dos organizadores hacia as rosquilleiras e o técnico de son.
-”Máis tarde, servirase o chocolate.”- dixo a megafonía.
A música non se detivo, nin tampouco a festa, que durou aínda unha hora máis desde que se repetira o ritual do reparto, sendo turno esta vez da rosca e o tal chocolate, ás dúas e media da mañán. Despois, a xente empezou a ir marchando, e só quedaban uns poucos para os bises e o himno galego, que puxo punto final contra as catro. Foi entón cando entendemos unha conversa con un dos organizadores, que cando lle preguntamos si non era mellor facer esas cousas no verán, respostou:
-”Isto faise no inverno, porque as noites son mais larjas.”
Ainda que o pasei ben, non vou esaxerar; os seráns non son un invento espectacular, nin unha pasada, nin outra cousa máis que unha forma espontánea de diversión, de xente que se xunta para pasalo ben, como se fixo sempre, comendo, bebendo, cantando e bailando.
Apunto, a título personal, que onte me cuestionei a utilidade dos doce anos que levo saíndo por pubs e discotecas, porque vin que se pode facer exactamente o mesmo nun ambiente de estes; incluso un da miña expedición ligou, que non é pouco. Un serán non é guai, nin moderno, nin ten glamour ningún, pero nestes días de debate estúpido sobre mega-macro-botellóns, as dúas partes deberían de baixarse dos seus arrogantes pedestais, e aprender un pouco da naturalidade da xente das aldeas.

Apunto de anexo unha lista con seráns previstos para os próximos meses, facilitada polo técnico de son, que a lera pola megafonía:

18 de Marzo, Arbo.
25 de Marzo, Moreira (Soutomaior).
1 de Abril, Gondomar.
15 de Abril, Fozara (Ponteareas).
19 de Maio, Tameiga (Mos).
20 de Maio, Carballal (Vigo).

A gaita do fol: Serán en Arbo

Fonte: http://www.agaitadofol.com/Acontecimentos/SeranArbo.php


Serán en Arbo

As sociedades sempre contan cunha serie de pautas de tipo social. Entre elas, as reunións con carácter de esparcimento nas que se pode falar, bromear, cantar, bailar, entablar relación, son tal vez as máis apetecibles, as máis esperadas sobre todo por parte da xuventude, sensible ás vibracións amorosas. Como a música ocupa un lugar primordial son, ademáis, moi interesantes para calquera estudio do folclore musical.

Na actualidade ese papel o cumplen, con diferentes matices, as discotecas que cada fin de semana abren as súas portas pero, tempo atrás, facíanse outro tipo de reunións que en cada zona acadaban características e denominacións diferentes. Así, a modo de exemplo (lembremos os matices, as excepcións, a diversidade), na provincia de Pontevedra se daban os seráns, na de Ourense as ruadas, na de Lugo as polavilas. Todas elas consistían en que en determinados días da semana máis ou menos establecidos, normalmente sábado ou domingo, se reunían os xóvenes, e non tan xóvenes, para bailar e pasa-la tarde xuntos.

A denominación serán ten unha etimoloxía latina relacionada coas primeiras horas da noite polo que está clara a relación. Aínda que está en deshuso, no galego propio serán é tarde, palabra castelá de significado semellante que finalmente a sustitúe.

Ocurría tamén que había outras reunións que tiñan un carácter máis de labor, de traballo, pero nas que casi sempre se remataba bailando. Tal era o caso das fiadas ou fiadeiros, as esfolladas e calquera outra que se realizaba nunha estancia que ó final se convertía en baile.

Anque vou ó fiandeiro
non vou por fiar na roca,
vou por toca-lo pandeiro
que esta noite a min me toca.

Debido a puxanza que ten nestes derradeiros anos a recolleita musical, estanse remedando aquel tipo de reunións de música e baile que se daban no rural. Concretamente na provincia de Pontevedra, moi nutrida en canto a xóvenes bailadores de inspiración tradicional, xa hai anos que se realizan seráns. Os de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mondariz, Ponteareas, etc., xa teñen unha certa fama. Intentaremos trasmitir cómo foi o de Arbo que tivo lugar o pasado sábado 29 de xaneiro, organizado pola Asociación Cultural A Barca de Loimil.

Igual que o ano anterior, esta segunda edición do Serán de Arbo estaba anunciada para ás 10.30 da noite no garaxe do cuartel da Garda Civil, cousa curiosa polo inhabitual e de agradecer ós responsables do corpo en Arbo polo labor social desinteresado. Pero unhas horas antes, ás 6.00, estaba convocado un minicurso de baile no bar restaurante Os Pirus, coa intención de que os non iniciados tiveran unhas nocións básicas para non pernaneceren pasivos ante os bailes.

Este minicurso foi impartido por Bea (Beatriz Diaz) que se formou no prestixioso conxunto vigués "O fiadeiro" e que, con profesionalidade, fixo que aprenderamos uns pasos básicos de muiñeira, jota, pasodoble e valse, moi interesantes e divertidos. Entre os asistentes ó curso atopamos varios amigos de Vigo e tamén xente maior do propio Arbo que quixeron, tal vez, quitarse a espiña de non ter aprendido de novos. Dixemos "xente maior" pero debiamos dicir "mulleres maiores" posto que os respectivos homes estiveron contemplando o minicurso dende fóra como si dunha función se tratara. Enfín, máis que unha críica quere ser un desexo de que na vindeira ocasión participen. Ó remate fíxose entrega dun simpático diplóma a cada asistente e despois pasouse ós pinchos, que cairon moi ben a esa hora.

Por fin comezou o serán e o plato forte eran as pandereteiras de Arbo, un conxunto formado por señoras do concello que dominan o canto e a pandeireta. Lembremos que en Arbo, como en toda a comarca do Condado, os seráns tiñan unha implantación moi grande polo que se coñecen ben os xéneros propios de bailar. Algún día eran numerosas as mulleres que podían tocar e cantar aínda que, desafortunadamente, xa van escaseando e o grupo formado por Emérita (a muller máis baixiña), o seu irmán Emilio, Isaura (a maís alta), Concha e o resto do grupo é unha representación desta xente atemporada que viviu os seráns na zona. O grupo, de tocar en sitios así, vai asentandose e xa teñen tocado en diversos seráns da provincia e mesmo en Vigo.

Como é normal neste tipo de seráns, ó final toca todo o que se decide subir ó escenario, cousa que tamén nós fixemos por petición dos apreciadores amigos que temos en Arbo. Estaba por alí Toniño de Treixadura quen tocou o tambor e Ismael, un antigo alumno, que tocou o bombo. Tocar é unha das consignas que se dan co anuncio do serán para que a xente acuda provista de instrumento e se vaia afacendo á idea de subir.

Varios máis foron os grupos improvisados que tocaron entre os que estaban o que encabezaba o gaiteiro e palleteiro Carlos Peixoto (ex-Muxicas) que subiu tocar con Coral Lago (ex-Cantadeiras do Berbés) ó alcordeón, Toniño e Ismael á percusión. Lástima que non poideramos quedar ata ó final por varias obligacións pero seguramente na vindeira edición si o faremos.

Xuntáronse no local aquel unhas duascentas persoas en total que formaban un ambiente moi agradable, no que abundaban os que bailaban coas diferentes interpretacións, tanto solto como agarrado. Había a disposición do público un pequeno bar onde se podían tomar cousas como cafés e cervezas e unha serie de escanos xunto ás paredes para os que gustan máis de mirar, cousa clásica ésta.

O que non canta nin baila
¿qué veu facer ó serán-e?,
aprender catro mentiras
para contar de mañán-e

Por alí estaba a coñecida Concha de Luneda, unha muller xa afeita a desempeña-lo papel de fiadora que, entre outras cousas, é famosa polas aparicións no Luar da Televisión de Galicia, nalgunha das galas que fai anualmente o conxunto "O Fiadeiro", etc. Xa a viramos no grupo de pandereteiras de máis arriba. Concha Rodriguez, chamada "de Luneda" por ter vivido nese lugar do concello de A Cañiza, resulta ser natural de Arbo, concretamente do Pazo, e como tamén moitas mulleres do seu tempo, ademáis de cantar, ten unha especial destreza fiando cousa que fai con agrado alá onde se lle pide. En efecto, alí no esceario estaba fiando coa roca, facendo ambiente de tempos pasados nos que era un labor cotidián.

Cousas relacionadas

A pandeireta

Juanjo Fernández Lugo, 14/2/05

A gaita do fol: Polavila en Louxas

Fonte: http://www.agaitadofol.com/Acontecimentos/Polavila.php


Polavila en Louxas

Foi unha pequena xuntanza de gaiteiros da zona en público. Non é a primeira que a facemos por alí; témola feito xa na cantina de Arturo, no mesmo Louxas, e nos lugares veciños de Chao do Couso e Tumbiadoira. Sempre con bon ambiente de xente, baile e moita gaita.

Louxas, en realidade Louxas de Arriba, é un lugar moi novo que naceu a finais dos ´40. O espacio que ocupa o pueblo é un cruce de camiños, hoxe estradas, onde a principal é a que vai dende A Fonsagrada á Proba de Navia. Mirando cara a Navia, pola dereita sae a comarcal chamada Louxas-Cereixal que enlaza coa Nacional VI (autovía) e, pola esquerda a que vai a Valdeferreiros que comunica con toda a zona de Ibias, Negueira de Muñiz, surleste de A Fonsagrada e norleste de Navia de Suarna.

Louxas é un chao que algún día se coñecía coma a Campa da Barraca. Segundo contan, unha muller que frecuentaba os pueblos da zona vendendo cousas coma galletiñas, melindres e auga con azucre, poñía as veces a súa barraca alí, no cruce dos camiños. A finais dos anos ´40 fixeron a cantina de Teodoro, logo outra cantina que houbo enfrente e, despois, máis casas ata configura-lo lugar actual. O verdadeiro Louxas (Louxas de Abaixo) está a un kilómetro e pico dalí, un pouco apartado da estrada.

Empezámonos xuntar a eso das oito, como estaba previsto, aínda que non tocamos ata as nove e pico. Unha vez metidos en festa xa non paramos ata pasadas as 2.30 h., cando marchámo-los tres que quedabamos. Estivo moi divertido e interesante aínda que houbo pouco público. Había varias razóns que favoreceron a ausencia coma un enterro en Lamas de Moreira (A Fonsagrada), outro en Villarantón (Navia de Suarna) e Festas en A Fonsagrada, capitalidade do concello. Despois todos recoñecimos que para nós foi mellor así, disfrutamos máis que outras veces nas que ten estado atacado de xente. Aínda así, Estrella, a dona da cantina, quedou complacida.

Os músicos asistentes eran todos ilustres. José Marentes, a estas alturas moi coñecido en toda Galicia, é de Santa Juliana, un pueblo que pertence á parroquia de Cereixido, constituíndo con outros dalí unha “hijuela”, de maneira que enterran no propio pueblo. José é un experimentado gaiteiro de 71 anos, moi coñecido na zona por ter tocado en infinidade de festas, polavilas e bailes. Con afición dende neno, coñeceu a grandes gaiteiros entre os que el destaca a Pepín de Vilar da Cuíña (A Fonsagrada), actualmente emigrado a Buenos Aires, de quen tomou unha boa parte do seu estilo e repertorio. Debido ó seu oficio de gaiteiro (para el e para moitos outros, toca-la gaita chegou ser un complemento importante dos seus ingresos) está afeito ás pezas de moda dos anos ´50, ´60 e ´70 polo que toca cousas coma “Esperanza”, abundantes pasodobles, coma este que el titula “Sáinz de Baranda”, e rumbas. Por suposto tamén tocou muiñeiras e jotas. Escapóuselle “A miña burriña” e arrancamos todos a cantar.

Hai varios detalles característicos do tocar de Marentes, aparte do requinteo e o pechado que ten. Un é que, o picado que os gaiteiros facemos normalmente co dedo índice da man esquerda (a dereita para el que é esquerdo), faino ó tempo co indice e o pulgar. Esto ten unha explicación pois o DO agudo, no estilo dalí, faise sen estes dous dedos; é unha base que debeu inducir a picar desa maneira a gaiteiros da zona, dende hai xeneracións. Con este tipo de picado, a baixa presión do brazo, acada pequenos silencios de punteiro moi expresivos. Por suposto, tamén o facía así Pepín de Vilar de Cuíña. Outro detalle interesante de Marentes é que semiobtura certos furados na busca de bemois coma o de MI e o de LA. Todo ésto sitúa a Marentes, en efecto, na época de transición, entre o antigo e o moderno, dos anos ´50-´60, cando os gaiteiros de oficio tiñan a necesidade de facer recoñecibles as súas pezas de moda e imprimirlle-lo mesmo carácter. Marentes, está a piques de ver publicado no mercado un CD interpretado por el; edita Edicións do Cumio, baixo a dirección de Pablo Carpintero (unha serie de discos que incluirá tamén a Cesar de Montixo e Manuel Viqueira). A día de hoxe, na actualización do texto, xa está publicado o disco de José Marentes que titula precisamente José Marentes e pertence á colección Os nosos gaiteiros, edita Cumio.

Outro dos gaiteiros que asistiron foi José, da casa de Gregorio de A Lagúa, Valdeferreiros (Ibias, Asturias). Estamos moi perto da raia e a afinidade entre un e outro lado é casi total en canto á lingua e as tradicións se refiere. José tamén tocou en moitas festas e polavilas da zona e, como xa anunciaramos falando del na sección da trompa, é un informante excepcional pois ten unha memoria moi boa e coñeceu a moitos músicos da súa zona de acción, entre os que destaca o mítico “Gaiteiro de Andeu”. José ten un estilo moi peculiar tamén, con silencios de punteiro que provoca nos picados a baixa presión, e un pechado moi interesante. Tocou as súas pezas típicas entre as que están muiñeiras, jotas, pasodobles, rumbas e valses. Nun momento determinado pedímoslle que interpretara a “Mula de Valdeferreiros”, unha graciosa melodía cuia letra fora feita por Sotín de Villaselande, en resposta a outra que lle fixeron a el os de Valdeferreiros. Ambas letras teñen o clásico argumento de reparto dunha besta (mula, burro, etc.) que tanto se estila na zona. É dicir, de morto o animal repártese entre os veciños en tono de burla que, as veces, resulta moi ofensivo para os mencionados.

A mula de Valdeferreiros

A mula que tiña Soto
foi pra os de Valdeferreiros,
foron buscala á Retorta
os grandísimos larpeiros.

Saliu Redonda cos bois,
José de Guerra cas vacas
e dixeron: - vamos todos,
que esto non son unhas chanzas.

Dixo José de Louzao:
- máis vale que non sea nada
que si ides busca-la mula
aínda habeis ter que pagala.

Eles non fixeron caso
e acordaron ir por ela
e levaron bois e vacas
pre logo poder traela.

Chamaron ó celador
chamaron tamén ó alcalde
pra que repartise a mula:
todos a partes iguales.

Xuntáronse entre unhos cuantos
e marcharon pra a Retorta
e indo polo camiño
ó carro déulle-la volta.

Logo de moito traballo
lograron volve-lo carro
e antes de chegar ó pueblo
xa os ´taban esperando.

Tiñan moi pouca vergüenza
e ´taban ben difamados
que sacaron de navallas
e máis déronse de palos.

Cansados de discutir
acordaron reparti-la
todos querían a piel
pre presumir de gabardina.

Foi un acuerdo de todos
dárllela a José de Lencias
foi o que máis traballou
para axudarlles a traela.

Empezaremos no pueblo
algüis han se-los primeiros
quitarémoslle a bandouga
e darémoslla ós gaiteiros.

Ese Pedro de Viguín
é un home moi formal,
púxose a reparti-la mula
dando a todos por igual.

A ese Joseín de Guerra,
como encargado da orquesta,
se ha de toca-la guitarra.
tamén precisa a cabeza.

Ese Farruco do Viguín,
zapateiro quere ser,
do rabo que faga liñas
para que aprenda a coser.

Aínda Plácido decía:
- hai que dar algo ós dos Coutos;
e contestóulle Redonda:
- ben a comemos nosoutros.

A Camilín de Perdigueira
deixarémoslle o que queda
porque algún dos veciños
lle ha de axudar a comela.

E na ponte da Retorta
hai unha pena moi grande
onde mataron á mula
Soto de Villaselande.

O que ordenou esta canción,
un home de educación,
que lle roubaron a mula
e non di máis que a razón.

O que imprimiu esta copla,
mozos de Valdeferreiros,
acaso perdonareis
se é que algo vos ofendemos.

Outro dos gaiteiros foi Ovidio Fernández, de Cartea, Os Baos (Ribeira de Piquín, Lugo). Ovidio, de 70 anos, vive actualmente en Burela polo que foi un esforzo considerable para el asistir. Aproveitamo-la afición que ten polas xuntanzas de gaita para pedírllelo. Ovidio ten un estilo moito máis moderno pois a súa formación como gaiteiro estivo parada durante anos, retomándoa no Centro Galego de Bilbao, onde estivo emigrado moitos anos. Por tanto, conserva pouco do pechado e os recursos da súa zona, na que hai gaiteiros da talla de Paulino de Acebedo e Emilio Fernández de Vilares. As pezas que toca están influenciadas pola discografía e o repertorio dos grupos de gaitas modernos coma esta muiñeira e este pasodoble. Aínda que Cartea pertence a Ribeira de Piquín na actualidade, cando Ovidio naceu era de A Fonsagrada, polo que se lle pode considerar fonsagradino. Como pasou con outros casos, na década dos anos ´50 fixeron unha votación na parroquia para cambiarse a Ribeira de Piquín, debido á enorme distancia que lles separaba da capitalidade do concello e as deficientes comunicacións que había daquela. A Fonsagrada ten sufrido unha serie de segregacións ó longo do século XX as máis importantes son as das parroquias de Os Baos e Santiago de Acebo, hoxe de Ribeira de Piquín, e as catro parroquias que actualmente forman o concello de Negueira de Muñiz.

Outro entrañable gaiteiro foi Otilio Fernández, da casa de Fernandín de A Burela, Carballido (A Fonsagrada, Lugo). Otilio, tamén de 70 anos, foi sempre un namorado da gaita aínda que nunca destacou debido a problemas de medida. O que si realiza é un toque moi galego, con pechado e articulacións antigas, coas que acada un sabor moi propio e sentimental. De entre as pezas que tocou destacaremos esta mazurca, que pertenceu ó repertorio de Celestino, da casa de Ramoneta de Vilar de Calvos, Carballido (A Fonsagrada, Lugo), un gaiteiro desaparecido nos anos 50 que era moi célebre e estimado na parroquia.

Tamén apareceu Isidro Méndez, “O Ferreiro de Louxas". Isidro naceu en Aldobrén, Lamas de Moreira (A Fonsagrada, Lugo) e casou en Louxas. Isidro, de 62 anos, é un ferreiro moi coñecido na zona. As súas navallas levan a marca “I”, que se ve nos coitelos de moitas cociñas do entorno e nas navallas que moitos homes levan nos seus bolsos. Isidro toca a gaita pero é a súa condición de tocador de filarmónica a que lle fai aparecer no artigo adicado a ese instrumento. Tocou varias cousas que xa están nese artigo e a Muiñeira de Chantada, unha das súas preferidas. Como se ve nas fotos chegou moi cómico, alegrando a velada cunha “discreta” chapela rubia.

A nota exótica púxoa Diego Segura, un rapaz de Ponferrada que toca a gaita, a flauta de tres furados e o tambor e que bailou moitos anos no grupo ponferradino Alegría Berciana. Tamén é un artesán de tambores bercianos. É un gran entusiasta da gaita e a música tradicional e, sempre que pode, achégase ás polavilas que facemos na zona. Tocou coa gaita varias muiñeiras, jotas e, como non, cousas coa flauta e o tambor coma estas outras jota, este pasacalles e esta cántiga, que resulta ser unha versión da nosa “Palmeira”.

Pola nosa parte tocamos varias cousas que máis adiante poñeremos tamén aquí.

Juanjo Fernández Lugo, 11/8/03