As verbenas de verán.
Non sei por que todas as festas deste país seguen o modelo ve-ve: vermú-verbena. É raro ver unha parroquia que se salte este guión establecido e propoña outro tipo de actividades. As comisións de festas parecen andar a piñón fixo, e os ramistas o que fan é contratar orquestras e recadar cartos casa por casa.
Non teño nada en contra das orquestras, pero coido que existe unha excesiva dependencia delas. Ademais co caché que están a acadar algunhas isto chega a supoñer un importante desembolso para os veciños, que en parroquias pequenas pode supoñer perfectamente 100 ou 150 euros por casa. E aquí como ademais imos de ricos, pois as contratamos a pares. Cando con unha por día podería ser suficiente. E iso para que ao final bailen catro e o resto estea apostado na barra da comisión co cubata na man; o modelo ve-ve deriva tamén no modelo bebe.
¡Pero se para quen quere bailar chega cunha gaita e un tambor! O que quero dicir é que as festas non deberían basearse só en traer orquestras de sona, como se se quixese facer ostentación; que existen moitas actividades que se poderían propoñer.
Outra festa é posible. Máis participativa, máis lúdica e menos custosa. Por iso se cadra dende os poderes públicos se podería suxerir, alentar ou crear un entorno favorable para mudar entre todos este modelo único de festa, e abrir o camiño a novas actividades e posibilidades.
Luís Couto Lorenzo. Lalín.
Sem comentários:
Enviar um comentário