5 de setembro de 2008

Seráns, Foliadas máis ou menos periódicos...

En Vigo Seráns no local A Fábrica de Chocolate.

En Compostela, todos os mércores pola noite a partires das 22:30 hai Foliada na Casa das Crechas.

En Ourense Foliada no segundo venres de cada mes (itinerante) ás 22:00.

En Vilagarcía cada terceiro venres de mes Foliada na Cafetaría Vila Aurora a partires das 22:30.

En Lugo os primeiro e terceiro venres de mes, Foliada no Tuiriz (rua paxariños)

Nas Pontes o último venres de cada mes Foliada na Cafetaría Lar a partir das 22:30 horas.

En Cangas no último venres de mes Foliada no Salasón.

En Nerga (Hío) o segundo venres de cada mes Foliada no bar A Curva, a partir das 21:30 h.

Na Coruña, os primeiros xoves de mes, foliada na Sala The Star, en Carral.

2 de setembro de 2008

La Voz de Galicia: As verbenas de verán

Fonte: Carta ao director do Martes, 2 de setembro de 2008.

As verbenas de verán.

Non sei por que todas as festas deste país seguen o modelo ve-ve: vermú-verbena. É raro ver unha parroquia que se salte este guión establecido e propoña outro tipo de actividades. As comisións de festas parecen andar a piñón fixo, e os ramistas o que fan é contratar orquestras e recadar cartos casa por casa.

Non teño nada en contra das orquestras, pero coido que existe unha excesiva dependencia delas. Ademais co caché que están a acadar algunhas isto chega a supoñer un importante desembolso para os veciños, que en parroquias pequenas pode supoñer perfectamente 100 ou 150 euros por casa. E aquí como ademais imos de ricos, pois as contratamos a pares. Cando con unha por día podería ser suficiente. E iso para que ao final bailen catro e o resto estea apostado na barra da comisión co cubata na man; o modelo ve-ve deriva tamén no modelo bebe.

¡Pero se para quen quere bailar chega cunha gaita e un tambor! O que quero dicir é que as festas non deberían basearse só en traer orquestras de sona, como se se quixese facer ostentación; que existen moitas actividades que se poderían propoñer.

Outra festa é posible. Máis participativa, máis lúdica e menos custosa. Por iso se cadra dende os poderes públicos se podería suxerir, alentar ou crear un entorno favorable para mudar entre todos este modelo único de festa, e abrir o camiño a novas actividades e posibilidades.

Luís Couto Lorenzo. Lalín.