23 de maio de 2010

Faro de Vigo: Respetemos o serán

Fonte: Carta ao director do 16-5-2010

Respetemos o serán


Estamos asistindo na actualidade, a un movimiento fenomenal referente á música e canto popular de tradición. Os seráns, fiadas, foliadas ou ruadas segundo o que se lle chame en cada lugar, están sendo celebracións moi aceptadas, e o obxectivo é: facer festa empregando o canto, a música e os instrumentos tradicionais. Hai que diferenciar un serán de calquera outra troula, pois se ben ten un sentido lúdico, tamén leva engadido o espírito e a filosofía propios de épocas pasadas. Non debemos chamar seráns, ós festivais ou pupurris musicais, que a miúdo se organizan con diversos fins. O serán é, esmorga de balde para quen queira cantar e tocar, só fai falla, respetar o xeito tradicional de facelo e as normas que cada organización impoña. Os grupos nos amosan a súa sabedoría e arte, emulando aquelas cantareiras con pandeireta ou outros elementos de percusión como a lata, tixolas, culleres etc. As cantareiras, foron o referente máis grande desta festa do común. A Gaita e o acordeón, instrumentos máis escasos naquelas xeiras, eran moi valorados, e onde acudía un gaiteiro, o serán pasaba a ser de luxo. Xotas, muiñeiras e agarrados, puñan movemento a aquelas xuntanzas da mocidade.
O rexurdimento desta ancestral festa na nosa provincia, parte dende hai preto de 20 anos en Paredes (Ponteareas) cunha muiñada e serán. A iniciativa partiu de Domingo Amoedo, home sensible que non foi indiferente ás cantigas de súa nai. Posteriormente, en Pazos de Borbén, xuntou Domingo ás poucas cantareiras e pandeireteiras que aínda recordaban aquelas xoldas tan prezadas ata os anos cincuenta do século pasado, así, espertaron de novo os vellos cantares. As adurmiñadas e oxidadas ferreñas, poñían son a anos de esquecemento; e as pernas cansas e traballadas de mulleres da postguerra, sacaban puntos de baile escondidos xa, no seu subconsciente. As pandeireteiras da Ermida, Sequeiros e Moscoso "competían" con agarimo e paixón, poñendo en proba a súa recen achada memoria histórica do serán. En sucesivos anos, Domingo e seu amigo Manolo "o gaiteiro da nave", foron fomentando pequenos encontros polas parroquias de Pazos que se extenderon máis tarde, cara Toutón, San Vicente de Oitavén, Traspielas, Freaza, Gargamala, Meirol, Soutomaior…. O serán, non é facer festa, para pasalo ben sen máis. Debemos conservar o seu purismo, e só, dende o compromiso e amor polo noso, dende a sinxeleza e espontaneidade das nosas aboas cantareiras e dende a sensibilidade, conseguiremos reproducir no futuro, as mesmas cantigas con fidelidade. As pandereteiras da Ermida, case todas octoxenarias, son un referente activo do que eran noutrora as cantareiras dos seráns, e fonte, onde aínda bebemos os que queremos preservar a nosa lírica popular sen contaminar. Non lixemos estas xuntanzas e non destruamos a nosa etnografía musical, que é, parte do rico patrimonio inmaterial que aínda temos. Debemos diferenciar entre unha lareira e unha vitrocerámica, entre unha Festa dos Maios e un concerto de panxoliñas, entre unha festa medieval e unha de roqueiros, aínda que nas dúas, vaiamos disfrazados. Ou acaso debemos cantar alalás nunha mostra de habaneras...?

Carmen Álvarez Domínguez - Soutomaior