8 de janeiro de 2009

Por que se volven facer seráns hoxe en día?

A pregunta xurde a partir dun traballo de socioloxía da música que fixeron jabo, flamenco á grella e miriño. A idea é seguir procurando información de todos os aspectos relacionados co serán: festa, folklore galego, música, baile... Chegar a saber o que era un serán antes e o que é agora.

Irei pondo aquí as contestacións que xa recibimos e as ideas que imos barallando.

Mais gustaríanos que se seguise respondendo á pregunta inicial:

Por que se volven facer seráns hoxe en día?

A resposta podes deixala aquí como comentario, deixala no teu blogue (e enviarnos o enlace) ou enviala por correo (e dicir se queres que se poña aquí ou non) a curiosoimpertinente.


______________________________________


Contestacións

Os seráns, unha fórmula de diversión e un medio de transmisión do patrimonio cultural

Fonte: http://www.ivilagarcia.com/fotos/Seráns%20Doc.pdf


OS SERÁNS, UNHA FÓRMULA DE DIVERSIÓN E UN MEDIO DE TRANSMISIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL

Os denominados "seráns" eran un acto social de compoñente lúdica, característico das zonas do rural galegas, nos que xente de todas as idades se reunía nun local para compartir unha tarde bailando, cantando ou contando contos. Pero o valor dos seráns transcendía moito do ámbito da diversión. Aínda que ese fora o seu obxectivo directo, indirectamente estas xuntanzas tiñan unha importante compoñente de transmisión do patrimonio cultural e etnográfico, xa que os seráns eran o instrumento perfecto para que o folclore tradicional, os bailes, a música, as costumes... pasasen de pais a fillos e de fillos a netos, evitando que toda esa riqueza chegara a perderse.

DECADENCIA E REXURDIMENTO DOS SERÁNS

Coa chegada dos coches, os cines, as discotecas, outras posibilidades de diversión, á xente nova deixou de interesarlle compartir o seu tempo cos maiores, e nuns anos estas xuntanzas desapareceron. E sen elas, rompeuse a cadea transmisora da tradición: a xente nova deixou de aprender contos, deixou de aprender bailes, deixou de aprender músicas, deixou de falar galego…

Tras varias décadas de decadencia e case de perda da san costume dos seráns, estes eventos volven a rexurdir da man de colectivos ou asociacións que pretenden recuperar a memoria cultural popular. Os vellos, que aínda lembran as súas tardiñas festeiras, bailan e cantan felices de ter a quen transmitirlle o que eles aprenderan. Lembran con esforzo e ilusión as cantigas e os puntos que ficaran inútiles durante tanto tempo coa esperanza de que non se perdan.

A PALABRA “SERÁN”

A denominación serán ten unha etimoloxía latina relacionada coas primeiras horas da noite polo que está clara a relación. Aínda que está en desuso, no galego propio serán é tarde, palabra castelá de significado semellante que finalmente a substitúe.

Este tipo de xuntanzas eran denominadas de diferente xeito dependendo de cada zona. Na provincia de Pontevedra se daban os seráns, na de Ourense as ruadas, na de Lugo as polavilas.

Todas elas consistían en que en determinados días da semana máis ou menos establecidos, normalmente sábado ou domingo, se reunían os xóvenes, e non tan xóvenes, para bailar e pasa-la tarde xuntos.

TEMPADA DE SERÁNS

Os seráns facíanse tradicionalmente en outono-inverno e principios de primavera, é dicir, cando non había verbenas. Eran unha especie de circuíto lúdico de inverno que se facía en lugares pechados, o abrigo das condicións meteorolóxicas, e que comezaban á tardiña, de aí o nome de "seráns". Tratábase de festas participativas, nas que todo o que quixera podía intervir cantando ou tocando algún instrumento e, por suposto bailando, algo que ía implícito, por iso tamén eran un excelente espacio para relacionarse ou, o que hoxe se coñece como "ligar".

UNHA FESTA MOI BEN ESTRUTURADA

O baile era pois, a parte do serán no que todo o mundo participaba. E tiña unha organización tradicional ben clara e definida e que podía variar dependendo da zona xeográfica. En xeral comezábase a tocar polos bailes soltos: primeiro a jota, e logo á muiñeira (tamén chamada ribeirana), para pasar logo aos agarrados, xeralmente dous, a escoller en orde e tipo entre a danza (ou rumba, mazurca -por confusión-, tras-trás...), o pasodoble, o valse, ou o chiquichiqui (ou dous pasos, mazurca...). Deste xeito os bailadores xa sabían qué bailes tocaban, estipulándose moitas veces a obriga de botar coa mesma parella os catro. Desgraciadamente esta orde respéctaa cada vez menos xente -sobre todo a máis moza, seguramente por descoñecemento. Porque ademais, os seráns eran unha boa escola na que os que non tiñan idea de como botar unha peza, podían aprender a bailar.

FIADAS E ESFOLLADAS

Ademais, había outra modalidade de serán, na que o aspecto lúdico ocupaba un segundo lugar.

Eran reunións que tiñan un carácter máis de labor, de traballo, pero nas que case sempre se remataba bailando. Tal era o caso das fiadas ou fiadeiros, as esfolladas e calquera outra que se realizaba nunha estancia que ó final se convertía en baile.

Sen embargo, nos seráns tamén se podía atopar a alguén que, ademais de acompañar ós cantos ou contar contos, aproveitaba para facer algún tipo de labor cotián das de antes, promovendo deste xeito a transmisión de técnicas como a do fiado na roca ou a de facer encaixe de bolillos.