Algunhas das contestacións á pregunta
Por que se volven facer seráns hoxe en día?:
________________________________________
Creo que vários aspectos, pontos e elementos fixerom rexurdir os seráns entre eles o interese do mundo urbano polo mundo rural, concretamente o interesse dos rapaces/as criados nas cidades pertencentes a uma agrupaçom folclórica. Estes jovens precissavam beber das fontes rurais, precissavam dum repertório de musica popular rural e da interpretaçom dos seus instrumentos.Para eles ese repertório "determinado" que evocava a uma época tambem "determinada" chegou a ser fidedigno, auténtico e próprio. Uma maneira de ser petits antropólogos donde o "exótico" está á beira da tua casa e nom com os mapuches. Mesmo a gente do rural converteu-se uma vez mais em divulgadores e os xovens em receptores duma cultura seguindo as leises básicas da tradicçom oral. Cantavam e tocavam juntos para expresar os seus sentimentos e entre muitos houbo um feek-back para expresar os seus pensamentos. Lembremos que alguns dos chamados recolhedores, só querem o material musical nas melhores condiçons de grabaçom e qualidade interpretativa.
Ademais na Galiza hà um grande potencial folclórico, a sociedade tradiccional mantem-se mais ou menos viva e grazas a muitas asociaçons, instituiçons, projectos pessoais hà existéncia conscente dum patrimonio inmaterial.
A gente jubilada das aldeias do interior voltarom a fazer serans pois tenhem tempo para eles, é uma forma intergeracional de relacionar-se, uma lembranza do passado e para muitos um ejercício de creaçom pois estám inventando novas coplas, novos arranjos e melodias... uma reelaboraçom comunal natural. Um modelo, um ritmo, uma melodia acordada culturalmente, uma cançom cantanda em coleitivo é uma forma de emoçom compartilhada com sensaçons emocionais muito semelhantes.Um trance coleitivo. Um lugar para esquecer-se de todo,sonhar e divertir-se.
Os medios de comunicaçom , como é lógico tenhem muita importáncia na expansom deste folclorismo.
Nalgumas vilas galegas o concepto seram nom tá presente e voltam aos famosos bailes de antes da guerra, donde com gramolas- orquestras dançam os ritmos de moda.
Ugia Pedreira
________________________________________
Creo que se deben facer como unha alternativa de ocio na que se poden xuntar varias xerazóns e así, aproveitando esta coiuntura se ensina a nosa cultura e a nosa música a xente profana na materia.
Marcos Rouco.
________________________________________
Porque somos así, afortunadamente gregarios e individualistas ó tempo; porque nos gusta cantar xuntos, pero desafiar ás demáis voces, bailar en grupo, pero retando ós demais bailadores e bailadoras, suar ó ritmo de sons que saen das nosas veas, das ponlas dos carballos, do marmurio de rios e fervenzas.
Volven os seráns porque parece que por fin mudamos o complexo de ser galegos polo pulo de selo; volven os seráns porque xa abonda de globalización co que vestimos, o que comemos, o que bebemos, a música que escoitamos, o cine que vemos, a literatura que lemos, o urbanismo que muda as nosas cidades e vilas nun só modelo.
Por eso volven os seráns... e máis que teñen que volver.
Susana Peleteiro.
________________________________________
por que? eu penso que é mesmo relaxante. tocar e/ou bailar por pasalo ben sen importar unha nota arriba ou abaixo sempre leva aparellada a diversión e a festa, e os galegos somos moi festeiros de nuestro señor. diversión e tradición diría eu.
máis que por necesidade, por puro divertimento. a xente vai buscando pasar un bo día tocando e bailando, sen importar a afinación ou as notas. o importante é pasalo ben e relacionarse con xente que comparte o gusto polas tradicións
anllo
________________________________________
Penso que poden haber muitos motivos:
Desde o económico, para que algunhas asociacións das que os organizan tiren algo de diñeiro para gastos.
Até o romántico: para recuperar unha das nosas festas mais antergas.
Pasando polo prático: recoller, coñecer, descobrir, compartir...
e o terreo....
Por outra banda, lembro hai anos os seráns de Toutón, muito antes de que se recuperara a celebración dos seráns por todas as partes...: xa estaban ateigados de xente interesada en pasá-lo ben, en aprender, en encher-se....
David Caparros
________________________________________
En primeiro lugar hai que ter en conta cal é a orixe desta recuperación: o traballo de campo de xente como Luís Prego que foi provocando a principios dos noventa que a xente do Condado e arredores recuperara unha tradición aínda latexante nas súas memorias. O resultado foi impresionante: creouse polas aldeas un circuito de inverno no que se podían ver a ducias de depositarios da nosa tradición expresar naturalmente os saberes que herdaron dos seus devanceiros co baile, o canto e a pandeireta, a gaita de fol... Para xente coma min foi e segue a ser unha gratísima sorpresa amais dunha fonda escola no bailar, no cantar e no tocar.
Este concepto de festa participativa resultou un éxito non só para a xente maior que os lembraba, senón tamén para a xente nova que se interesaba pola música e o baile tradicional, polo que o formato se foi adaptando de moi diversos xeitos, mantendo o nome de Serán ou collendo o propio da zona onde se vaia facer: Ruada no Suído e Terra de Montes; Foliada no Morrazo...
E é que non todo van ser discotecas e chunda-chunda...
Viva o serán!!
Guillerme Ignacio Costa.
________________________________________
Hola, persoalmente penso que os seráns se volven facer porque é unha forma de divertirse que a xente non quere que se perda. Unha festa popular. A min gústame bailar nos seráns un montón e si non os houbera pois tampouco poderías expresar o baile de forma libre. Para expresar o baile ou te meter nun grupo ou clases ou so che quedan os seráns.
Música e baile en directo.
Raquel
________________________________________
Aquí tes un par de ideas:
-Como reacción á anomia entre a xuventude galega. Os seráns son unha forma de identificación cunha comunidade (o cal xa é un fin en si) que ademais proporciona sentido de valor (tanto do que un fai como dun mesmo, que pasa a estar autosinalado como compoñente valioso nunha presunta cadea de transmisión) e un grao de participación que non se pode atopar en formas de lecer de tipo pasivo.
-Teñen plena validez como proposta lúdica; neste sentido, penso que xa non corremos risco de museización ou arqueoloxización do patrimonio musical galego porque hai unha masa crítica suficiente que sabe que se pasa pipa nos seráns, o que garante un uso auténtico (auténtico non por referencia a ningún tempo pasado senón á implicación persoal existencial dos participantes).
Paco Táboas.
________________________________________
Supoño que seran moitos factores os que levaron a volta dos serans.
Por unha banda , a xente maior sufriu un proceso de recuperación do seu orgullo e autoestima, fai 20 anos sentian vergoña de cantar e bailar esa vergoña penso que grazas a toda a xente nova que facía recollas, e o escoitar na radio e ver na tele as melodias e bailes que eles ensinaron o recoñecer o que ele fixeran na súa mocidade, fixo que sentiran ese pasado como importante e válido
Por outra hai un grande interes na xente nova por ver as persoas maiores bailando e cantando..., e se antes eramos 4 gatos, os mozos que sentiamos esta inquedanza , agora xa somo 10 gatos.
E somos un grupo de persoas grande que nos gusta bailalo solto cantar e tocar e só nos seráns podes facer.
Ë un xeito alternativo e económico de organizar unha festa
E un bo xeito de pasar un sabado a noite.
________________________________________
Se a música popular e tradicional representa o sentir dun pobo, é imposible vivir de costas a ela Durante un tempo os seráns, tal e como se entendían feitos polos nosos pais e avós, eran a única maneira de se divertir nas aldeas, xa que non había moitos recursos económicos nen sociais que permitisen a entrada doutras maneiras de lecer. A música feita fóra do núcleo poblacional comezou a chegar aos poucos ás festas das aldeas, e a evolución dese tipo de divertimento deu lugar ao case esquecemento daqueles fiadeiros e seráns Hoxe recuperouse o nome, pero claramente non ten que ver con aqueles seráns de fai 50, 60 ou 70 anos, ainda que o sentir é parecido, xa que o emprego e gozo do patrimonio inmaterial non so é necesario senón que debe encher o peito de orgullo a aquel ou aquela que son quen de beneficiarse del. A principal diferenza con aqueles seráns é que hoxe temos onde escoller entre moitas formas de lecer, mentres que os nosos avós só tiñan aquilo, por iso tal vez o vivisen dun xeito tan vital que no noso tempo cóstanos chegar a comprender.
Pedro Pascual.
________________________________________
Penso que cada vez hai máis xente interesada en recuperar as tradicións e aprender máis sobre a cultura e a música tradicional galega. Moitos dos meus amigos e amigas bailan ou tocan a gaita, pandeireta... Á miña forma de ver, cada vez a xuventude aprecia máis a nosa cultura e os seráns son unha boa forma de estar en contacto con todo iso.
Supoño que tamén contribuirán a este fenómeno a cantidade de grupos folc que hai hoxe en dia, os cales ademáis de recuperar a música tradicional incorporan novos instrumentos e tecnoloxías para darlle unha certa "renovación" (grupos como Berrogüetto ou Luar na Lubre, entre outros moitos)
Tamén é unha alternativa para a xente que lle gusta a festa, pero non quere estar toda a noite metido nunha discoteca. É unha forma diferente de divertirse.
Ademáis, o que pasa cos seráns e que se vas a un e pásalo ben, repites seguro.
Blanca Estévez
________________________________________
Yo creo que el fin último del por qué se hacen seráns hoy en día está muy alejado del uso primero del serán. En una época en que los estimulos y alternativas para el ocio son constantes (pubs, discotecas, festivales, salas de conciertos, auditorios...) y en que el acceso a estos soportes están al alcance de cualquier persona, no tiene sentido hacer un serán como opción única de ocio de una comunidad reducida. Yo creo que hoy se hacen por un lado para recuperar ciertos rasgos sociales del rural que se deterioraron con el paso de los años (sentimiento de comunidad, identidad cultural y homogeneización social, y fomento de las relaciones intracomunitarias) pero por otro lado creo que hay una competición entre los distintos grupos de "recuperación" a ver quién hace el serán más tocho, con más viejos, y quién se apunta la medalla del etnógrafo. Mi madre me cuanta que en el serán de su aldea el día que había UN gaiteiro o UN acordeonista era una ocasión especial en la que se llenaba de gente. Hoy hay carpas enormes, grandes equipos de megafonía, se fletan autobuses, se anuncian por televisión y hay una lista de espera de grupos para tocar!!!
Pablo Pascual
________________________________________
Home, esa pregunta non é de todo certa, eu penso que non é que se volvan facer seráns, realmente nunca se deixaron de facer, o que si é certo é que agora é a xente máis nova a que se encarga de organizar, polo que o poder de convocatoria é moito maior ( carteis, internet...); antes só era o boca a boca, a xente era dos arredores mentres que agora non hai distancias.Penso que si a xente acude os seráns e disfruta, anímase a organizar algo similar na súa zona...pero si realmente te fixas ben nos seráns da nosa, decataste de que a maioría dos que alí estamos nos coñecemos...será que somos poucos e facemos moito barullo??
Esther Lage
________________________________________
Por unha mestura de circunstancias, algunhas delas son
1. A revalorización da sabiduria popular relativamente as festas, polo que os vellos se sinten motivados para retomar.
2. Que os xóvenes anden ilusionados impulsinoando estas manifestacións. Talvez un pouco pola necesidade de encontrar a sua identidade.
3. A Televisión (ainda que hai cousas coas que non está de acordo nen por asomo, desde a descontextualización ata a concursitis propagada ata este medio, pasando por outras cousas que non veñen a conto....) tamén contribuiu.
Serxio Cobos
________________________________________
Eu creo que se fan os seráns pola mesma razón pola que se fan os bailes en Portugal.
Ali son mais internacionais as danzas que se fan, talvez pola maior apertura desse povo que sempre quixo ir a outros lugares descubrir o que ali havia, ou entón porque as danzas de outros sitios como algunhas italianas, mazurcas... que son sinxelas e especialmente sociabilizadoras... que para min o motivo de todo este resurxir é a soidade a que estas sociedades nas que estamos inmersos nos levan....
Mercedes Prieto
________________________________________
Porque a xente por moito que tente cambiar non se divirte mais que antes na discoteca que volve a un tolo.
Os seráns son o aire libre suponse que non deberian ter megafonia e todo esta feito de xeito tradicional sen playback e esas cousas modernas.non sei quizais e mellor e masis sinxelo de levar a cabo non precisa de diñeiro relativamente pra ser realizado.
e so unha opininon.
Sole Alvariño
________________________________________
A finais dos anos 80 e principios dos 90, rompéronse duas cadeas relacionadas co folclore en Galicia, a primeira xa estaba moi tocada, e era a de transmisión oral. Os pais e os avós xa non lles contaban nin lles cantaban nada ós fillos e ós netos. A segunda cadea que rachou (esta menos antiga) foi a da ensinanza "reglada" do baile tradicional, non así a da música que sigueu funcionando. Cando digo que rachou a cadea de ensinanza reglada, refíronme a que os alumnos de baile de boa parte dos grupos representativos de Galicia se deron conta de que os seus mestres lles "mentían", por dicilo dalgún xeito, e que había moito máis que aquelas catro cousas que lles estaban ensinando nos grupos e que en moitos casos eran inventadas. Así en cada grupo houbo algunha xente (nuns grupos moito máis que noutros) que se adicou a moverse pola Galicia profunda (nas Vilas xa pouco quedaba sen contaminar) para poder ter de primeira man información sobre cal era realmente o noso folclore.
Estas persoas (un grupo realmente reducido pois así a bote pronto se me ocorre que non chegan a cen e que todos se coñecen entre eles) atoparon moito material "técnico", é dicir, puntos, músicas, pequenas coreografías, vestiario,etc, que realmente era o que en principio se buscaba. Pero atopartonse tamén outro xeito de vivir o baile tradicional que non tiña nada que ver coa finalidade de escenario que nos ensinaban nas cidades. O baile era sobre todo para participar na festa, non para executalo para un público.
O seguinte paso era ensinar ó mundo esa outra vertente, e o único xeito era ou ben facer ir á xente da cidade a seráns todavía vivos (é o que sucedeu en principio no entorno de Vigo) ou recrealos actualizados nas propias cidades (é o que se fixo na Nasa e que comeza a suceder en outros sitios).
O resultado de todo este rollo, que é o que vou, é que detrás de cada serán dos que se fan hoxe está algunha daquelas cen persoas que che contaba más arriba e o que fai que a idea comece a funcionar de novo e a confluencia das ganas desa xente, coa necesidade de outro grupo de persoas de poder bailar solto sen subir a un escenario, e xa no caso do entorno de Vigo ademáis coa sorte de ter todavía xente maior que viviu aqueles seráns e os revive agora coa xente nova.
Quizá como nota final cabe resaltar que inda así, o fenómeno dos seráns é bastante máis pequeno do que podería parecerche agora mesmo a tí dado que o entorno no que te moves está no centro de toda esta tendencia. A xente interesada nos seráns somos uns poucos miles (sendo xeneroso) e sempre os mesmos en tódolos seráns e vai ser moi dificil que se volva a recuperar de xeito xeralizado o costume de bailar solto nas festas e concertos. O que sí é certo é que algo se camiñou cara adiante, pois no comezo dos anos 90 era imposible ver a unha ou duas parellas de baile sacando un punto nun concerto dun grupo folk.
P.D. Existen tamén algúns casos medio casuais, como o dos seráns da Nasa, pois tanto eu como Marcos non somos do entorno de xente da recolleita, e a única recolleira que fixemos foi a de coller o guante da xente que facía seráns no entorno de Vigo unha noite de chea.
Un saúdo.
Jose Antonio.
________________________________________
Pois menuda pregunta!
Eu, así sen pensar moito, porque xa non teño a cabeza habituada a estes exercicios, direiche que o feito de que haxa seráns na actualidade e de que teñan "éxito" responde ao traballo de determinadas persoas e grupos de música (tipo Peón, O Fiadeiro e Leilía, ou alonxándonos máis no tempo Muxicas, Xalgarete,etc., por citar aos máis coñecidos), que pretenderon a recuperación e utilización das nosas cantigas, bailes, xeitos de tocar, tradicións... e dentro diso atópanse os seráns (que, por un lado, servían para facer recollida ao tempo que o pasaban ben).
Supoño, que non servirá de moito, pero desde a ignorancia ese é o meu parecer.
Caseirinha
________________________________________
Eu non ando moito metido niso nin creo q a miña opinión sexa moi fiable.
En moitos lugares (obviamente non e todos) tómase como unha boa desculpa por pasalo ben
________________________________________
Polo mesmo que hai xente a estudiar socioloxía da música: a percura de sabor nas cousas ("ise algo" que vemos que fáltanos no "opio oficial","vara de azote" ou mesmo "cenoria" que o sistema/pastor/xinete poenos diante as ovellas/burros nestes tempos grises da queixa por nada e a inutilidade total das mans dos homes...se só sabemos xantar a herba do ocio, que menos que buscar a máis sabrosa)
________________________________________
Velaquí a miña contribución á cuestión proposta:
Pois en realidade non sei se algunha vez se deixaron de facer, máis ben me dá a impresión de que nunca se acabaron de perder e agora volveron coller pulo ou recuperar parte da forza que puideron ter no pasado; doutro xeito, porque o papel que desempeñan foi recollido por outro tipo de actos sociais actuais, pero si suplindo a necesidade de espazos de interacción e comunicación social que seguimos tendo como sociedade. Por outra banda, a revalorización do "enxebre" como algo non só "xeitoso", "curioso" ou "de desexable protección" (isto, é, simplemente folclórico ou como "curiosidade étnica"), senón como algo tan digno coma "o urbano" (suposto centro do cosmopolitismo, a vangarda e a modernidade) axudou a achegar esta realidade a unha mocidade máis desvinculada do rural pero menos prexuizosa (ou mesmo máis descoñecedora) cara a este tipo de xuntanzas.
Tamén creo que ten algo que ver cun feito duplo: a constatación de que en Galicia, país de emigrantes (interiores e exteriores), é difícil encontrar alguén que non teña unha vinculación coa aldea nunha ou dúas xeracións atrás e que, precisamente por esta gran emigración, numerosas xeracións de mozos actuais perderon ese contacto coa aldea, que aínda é unha realidade nos seus pais e avós. Isto puido potenciar a curiosidade cara a ese desexo de experimentar aquilo do que falan os avós, pero xa sen os prexuízos da xeración dos pais, que a miúdo sufriron en carne propia o desprezo polo rural, e tentar saber de onde veñen e, unha vez alí, ademais, descubrir que é divertido e que cumple con creces as necesidades de socialización, creatividade, aprendizaxe e disfrute que temos como seres humanos.
Por outra banda, onde digo aldea ou rural, quizais haxa xente que o vexa como "o noso", co que poderiamos tirar unha conclusión nacionalista ao respecto.
Abalante.
________________________________________
Ando a ler ultimamente a Arthur C. Danto e este, na introducción a El cuerpo/ el problema del cuerpo (Síntesis, 2003), fala a propósito do famoso decreto de morte que dictara Hegel para a arte do seguinte xeito: «En sus Lecciones de estética, Hegel declaró que la historia del arte (...) había llegado a su fin. Basó esto en parte en la opinión de que el arte ya no era capaz de relacionarse con la sociedad como lo había hecho en otros tiempos, en las épocas griega o gótica, expresando el espíritu objetivo de esas épocas. Se había abierto una brecha entre la sociedad y el arte, que se había convertido más en un tema de enjuiciamiento intelectual en lugar de, como se creía que era la belleza, un objeto de reacción sensual o intelectual».
A profecía do sabio alemán foi o primeiro que me veu á cabeza cando lin a proposta que nos faciades para pensarmos: Por que se fan seráns hoxe en día?
Se trazamos un paralelismo entre a arte e os seráns (e quen di seráns di toda tentativa de rescatar do pasado calquera actividade ou costume) decatámonos de que este proceso de reanimación –no caso dos seráns dun acto festivo propio dunha sociedade agraria, onde a música e as letras, así como os bailes e a súa ideoloxía (porque tamén os bailes teñen ideoloxía) estaban perfectamente incardinados na realidade social na que se producían– parte en realidade dunha intelectualización previa na que nós, urbanitas do século XXI cuns costumes e realidade totalmente alleos ao tipo de vida que deu lugar ao que hoxe coñecemos coma seráns, non somos quen de crear formas de ocio non alienantes, socializadoras e creativas (e esta carencia é o principal motivo para que busquemos formas de relación social no pasado), acaídas ao noso xeito de vivir, senón que por medio dun traballo reflexivo, re-creamos o que os libros ou as persoas maiores (ás que acudimos como se fosen libros) nos contan. Así, os seráns non serían o producto directo do noso ocio senón o producto do noso ocio mediatizado e intelectualizado.
No paradoxo de Aquiles e a tartaruga, argumento que pretendía demostrar a imposibilidade do movemento, Zenón de Elea cóntanos coma o heroe grego decide competir en carreira con aquel animal. Seguro de que sería moito máis veloz déixalle unha grande vantaxe. Ao darse a saída, Aquiles percorre en pouco tempo a distancia inicial, pero ao chegar onde se encontra a tartaruga, decátase de que esta non está, senón que avanzara, máis lentamente, un pequeno treito. Sen desanimarse, segue correndo, pero de novo, ao chegar canda o becho, este volve avanzar un pouco máis. Deste modo –dinos Zenón– Aquiles nunca gañará a carreira, xa que a tartaruga sempre estará por diante del. De igual modo que Aquiles, tratamos, por medio da recreación, de acceder a un ideal de autenticidade (no caso dos seráns trataríamos de acceder ao que poderíamos chamar un platónico Serán en si) que sempre se nos escorrega como unha troita entre os dedos. Isto sucede porque aquilo que hoxe coñecemos por serán (algo que por certo non pode máis que contaminarse co presente, véxase senón a tendencia a que os músicos toquen en escenarios) nunca coincide con aquel serán antigo e realmente auténtico, sempre rememorado, sempre estrañado, e sempre definitivamente perdido; e canto máis nos esforzamos en que todo sexa auténtico –enxebre– menos, probablemente, nos achegamos ao que eran os seráns que alegraban as horas de ocio labrego.
Para non finalizar con esta sensación agridoce que sempre deixa a calella sen saída que é o posmodernismo –porque facer seráns hoxe en día é absolutamente posmoderno– só se me ocorre facer unha pequena proposta: o mellor dos seráns, o que fai desexable que algo quede do que foron os seráns, non son as súas cancións sobre segas e vendimas, ou a súa capacidade de transportarnos a unha arcadia rural imaxinaria; o mellor dos seráns é a súa capacidade para a socialización interxeracional, o seu espírito participativo e a súa condición –polo menos ata agora– de ocio non mercantilizado. A nosa meta debería ser crear formas de ocio non mediatizadas pola representación intelectual, formas que non pretendan parecerse a nada senón ser elas mesmas no devir do presente, e que ademais se inspiren no mellor dos valores que emanaban dos vellos seráns. Velaí unha tarefa apaixonante.
O funambulista coxo________________________________________